luns 24.02.2020

Irlanda decide entre cambio ou continuidade

A illa vota hoxe nunhas igualadas eleccións xerais onde o primeiro ministro, Leo Varadkar, busca un terceiro mandato consecutivo para o seu partido, o Fine Gael. En fronte,  o Fianna Fáil, nas súas mesmas coordenadas ideolóxicas, e un Sinn Féin que se presenta como a única alternativa real de esquerda.
Un funcionario prepara as urnas para os comicios de hoxe en Irlanda (Europa Press)
Un funcionario prepara as urnas para os comicios de hoxe en Irlanda (Europa Press)

O Sinn Féin de Mary Lou McDonald converteuse no rival a bater nas eleccións xerais en Irlanda. Segundo a última enquisa elaborada por Ipsos MRBI para The Irish Times, o Sinn Féin conta cun apoio de 25%, por 23% do liberal Fianna Fáil e 20% do conservador Fine Gael. O resto repártese entre Os Verdes e outras pequenas forzas da esquerda e independentes, que complicarán as negociacións para formar Goberno a partir da próxima semana.

O progresivo ascenso dos nacionalistas é evidente. Hai dúas semanas, The Sunday Times daba 32% ao Fianna Fáil, 20% ao Fine Gael e 19% ao Sinn Féin. 

Os principais problemas para a cidadanía irlandesa ─temas que acapararon máis minutos e palabras durante a campaña electoral─ son a dificultade no acceso á vivenda, as carencias na sanidade e o aumento da idade de xubilación. O Fine Gael, que leva nove anos no poder, non foi quen de dar solucións profundas a estas cuestións, polo que foi callando na sociedade a necesidade dun voto de cambio.

"Cambio", xa que logo, foi a palabra máis usada nestas tres semanas e media de campaña electoral por todos os partidos, mesmo polo propio Fine Gael. 

O seu líder e primeiro ministro, Leo Varadkar, alega que Irlanda é a economía que máis medra da UE. Segundo datos da Comisión Europea, o crecemento do seu Produto Interior Bruto foi de 6,8% en 2018, 4,1% en 2019 e prevese que sexa de 3,7% en 2020 (a media da UE para eses tres períodos é 1,9%, 1,5% e 1,7%). 

Porén, os seus rivais políticos argumentan que a bonanza macroeconómica non se trasladou á economía real dos fogares. 

O Fianna Fáil quixo subir ao tren do "cambio" nesta campaña, mais as similitudes entre as súas políticas e as do Fine Gael fixérono descarrilar no seu intento. O propio Varadkar recordoulle en numerosas ocasións ao seu líder, Micheál Martin, que estaba no Goberno cando se produciu a Gran Recesión iniciada en 2008. 

05 February 2020, Ireland, Dublin: Childcare workers take part in a protest in Dublin's city centre over low wages and to highlight the childcare crisis. Photo: Brian Lawless/PA Wire/dpaONLY FOR USE IN SPAIN05 February 2020, Ireland, Dublin: Childcare workers take part in a protest in Dublin's city centre over low wages and to highlight the childcare crisis. Photo: Brian Lawless/PA Wire/dpa2/5/2020 ONLY FOR USE IN SPAINMartin foi ministro de diferentes carteiras desde 1997 até 2011, entre estas a de Industria, Comercio e Traballo (2004-2008). O Fine Gael presume como un dos seus logros nestes últimos anos de sacar o país do pozo da crise. Neste tempo, o desemprego baixou de case 16% a menos de 5%. Porén, aínda que o salario medio en Dublín anda polos 2.200 euros, o aluguer dunha casa de tres habitacións (a vivenda máis habitual en Irlanda) supera os 2.000, e o prezo por unha liteira nunha habitación compartida chega a alcanzar os 500. Ademais, as listas de espera nos hospitais xerais e pediátricos non paran de medrar.

Pacto polo Brexit

Tamén McDonald se encargou de abortar as tentativas de Martin por apropiarse do título de "partido do cambio", lembrándolle que durante os últimos catro anos facilitara a gobernabilidade do Fine Gael ─en minoría─ absténdose en votacións chave e apoiando a aprobación dos orzamentos. 

Foi un pacto tácito entre as dúas principais formacións irlandesas, que optaron pola mesura para afrontar o Brexit. Irlanda, cómpre lembrar, é o único Estado da UE que ten unha fronteira terrestre co Reino Unido, unha fronteira que ademais podería espertar pantasmas do pasado.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios