venres 21.02.2020

Os 'shinners' remexen a tradicional Irlanda

As últimas enquisas colocan o Sinn Féin en cabeza de cara ás eleccións xerais do sábado. Aínda que o sistema electoral irlandés fai improbábel que saian dos comicios como a forza maioritaria do Parlamento, o seu discurso destaca entre o dos dous partidos historicamente hexemónicos.
Micheál Martin, Leo Varadkar e Mary Lou McDonald, no debate televisado pola 'RTE' (Europa Press)
Micheál Martin, Leo Varadkar e Mary Lou McDonald, no debate televisado pola 'RTE' (Europa Press)

Durante os anos do que eufemisticamente se deu en chamar "The Troubles" ("Os Problemas", 1968-1998), a Irlanda independente deu as costas electoralmente ao Sinn Féin. Décadas despois, os shinners ─un termo pexorativo para referirse aos sinn feiners─ están a gañar terreo aos tradicionais Fine Gael e Fianna Fáil. No primeiro debate a tres, derradeiro antes dos comicios, volveron pór de manifesto que o seu discurso rupturista no social pode darlles réditos.

"Fianna Fáil foi e é o partido das empresas inmobiliarias, e o Fine Gael é o partido dos propietarios", atacou con dureza a líder do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, durante o bloque referido á vivenda. A dificultade para acceder a unha está a ser un dos temas candentes nesta campaña de cara ás eleccións do sábado. Ademais, Irlanda está a vivir nos últimos anos un notábel incremento no número de persoas que viven na rúa.

A resposta de McDonald chegou a propósito da intervención do líder do Fianna Fáil, Micheál Martin, avogando por construír "vivendas máis económicas, directamente, en solo público".Pola súa banda, o líder do Fine Gael e primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, recoñeceu o problema, mais defendeu o traballo que se está a realizar no que respecta á construción de vivendas de protección oficial.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios