Portugal revive as pantasmas de 2017: máis de 2.500 hectáreas calcinadas en menos dunha semana

O Goberno de António Costa decretou o estado de continxencia até a próxima sexta feira para facer fronte aos múltiples incendios forestais que axexan o país.
Nove vilas foron evacuadas polo lume. (Foto: Governo de Portugal)
photo_camera Nove vilas foron evacuadas polo lume. (Foto: Governo de Portugal)

Unha nova vaga de lumes castiga estes días o país veciño. Desde a pasada quinta feira, diferentes focos prendidos ao longo do Portugal continental arrasaron máis de 2.500 hectáreas, segundo o xornal Público. A cifra ascende desde que principiou o presente ano a 13.000 hectáreas.

Contra as 22 horas deste domingo o balance oficial presentado polo Goberno de António Costa incluía sete persoas feridas e até nove vilas evacuadas por mor do lume.

Esta delicada situación, agravada por unha vaga de calor que tamén afecta Portugal e eleva os termómetros en moitos lugares por riba dos 40 graos centígrados, levou o Executivo a decretar o estado de continxencia desde esta segunda feira e até a próxima sexta.

Desde a quinta feira arderon máis de 2.500 hectáreas

A adopción desta medida supón a prohibición de acceder aos espazos forestais definidos nos plans municipais de defensa contra os incendios. Tampouco se poden facer queimas nin realizar traballos forestais con maquinaria ningunha como rozas ou tallas, así como utilizar fogos de artificio.

Nas mentes de moitos portugueses e portuguesas está a vaga de lumes que, do mesmo modo que na Galiza só uns meses despois, arrasaron o país en xuño de 2017. Con todo, Costa afirmou que Portugal está agora "mais preparado" para combater os incendios forestais que daquela.

"Essa comparação não faz sentido, é óbvio que sim. Para além de excepcionais condições nos dias 17 de Junho e 15 de Outubro, o país está [hoje] mais preparado, mas isso em nada diminui a responsabilidade de cada um. O país pode ter os melhores meios do mundo mas há uma coisa que é certa: vamos ter temperaturas extremas, um ano de seca extrema, qualquer descuido de qualquer fagulha desencadeia um incêndio de grandes dimensões", dixo, en declaracións recollidas por Público.

Porén, desde a oposición non comparten a visión de Costa. Así, esta segunda feira, a líder do Bloco de Esquerda, Catarina Martins, acusou o Executivo de non ter investido en medidas para a prevención de lumes: "É preciso agir já. É a segurança que está em causa e não podemos continuar com observatórios, estudos e programas-piloto, porque as nossas vidas não são um projecto-piloto, porque o nosso país não é um relatório. É preciso acção concreta já e investimento já no território".

Comentarios