Inaugurada a Cimeira pola Democracia dos afíns aos Estados Unidos

Alexander De Croo, primeiro ministro belga, na cimeira. (Foto: Pool Jonas Roosens / BELGA / dpa)

Países como Rusia ou a China foron excluídos da cimeira impulsada por Joe Biden, que aproveitou para peneirar os territorios que desde os EUA insisten en non considerar sistemas democráticos.

"Perante os constantes e alarmantes desafíos á democracia e aos dereitos humanos universais, a democracia precisa defensores”, afirmou onte o presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, na inauguración da Cimeira virtual pola Democracia impulsada polo país norteamericano e que hoxe vivirá a súa clausura.

Até 110 Estados foron convidados á cita, o que foi aproveitado por Biden para peneirar os territorios que desde os EUA insisten en non considerar sistemas democráticos, como Rusia, Venezuela, Cuba, Bolivia, Honduras ou a China. Porén, non tiveron problema en convidar os mandatarios do Brasil, Filipinas, Iraq ou Polonia, criticados pola fraxilidade do seu Estado de Dereito.

Durante o cumio, Biden propuxo adoptar medidas coordinadas durante o vindeiro ano para “defender as democracias contra o autoritarismo, combater a corrupción e facer progresar o respecto aos dereitos humanos".

A voceira da Casa Branca, Karine Jean-Pierre, explicou que un dos obxectivos da xuntanza é “reverter a recesión democrática e garantir que as democracias brinden froitos para o seu pobo”.

Zona de confort

O evento organizado polos Estados Unidos foi criticado principalmente por Rusia e a China. A voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zakharova, reivindicou que “disto é do que vimos falando hai tres anos. Os EUA están esfarelando o sistema de relacións internacionais baseado no dereito internacional e no papel central da Organización das Nacións Unidas para crear a súa propia zona de confort”.

Aos Estados participantes, ironizou Zakharova, “daráselles o honorábel dereito de servir aos intereses do réxime norteamericano”.

“Con traxedias de dereitos humanos como a morte de 800.000 persoas pola Covid-19, como poden os EUA defender a democracia?”, incidiu o voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, Zhao Lijian.

No que atinxe aos países americanos excluídos do cumio, o presidente de Diálogo Interamericano, Michael Shifter, sostivo en AFP que “é moi probábel que sexa contraproducente tanto para os intereses dos EUA como para a democracia na rexión”.