MARíA VENCE, VOLUNTARIA EN IDOMENI

"Hai moitísima presenza militar e policial"

Por volta de 700 axentes do exército e da policía grega iniciaron o despexo do campo de persoas refuxiadas de Idomeni. 

Evacuación Idomeni
photo_camera Militares no interior do campo de Idomeni [Imaxe cedida]

De madrugada. Así chegou a policía secreta grega a Idomeni para proceder ao desafiuzamento dos milleiros de persoas que se atopan, nalgúns casos, desde hai 6 meses no campo de persoas refuxiadas. María Vence, voluntaria nesta localización desde hai 16 días explícanos como foron despexadas "contra as tres" da madrugada e até as "seis da mañá". "Houbo quen quedou agochada" e "disfrazada", sinala. Arestora "non se permite a entrada a ninguén" e "hai moitísima presenza militar e policial" mesmo "helicópteros", nun radio aproximado de "trinta quilómetros". 

Persoas voluntarias e xornalistas foron despexadas a primeira hora da mañá, arestora só teñen acceso ao campo de Idomeni os medios públicos gregos

María Vence comunícase vía telefónica con Sermos Galiza e mantén, ao tempo, coñecemento do que está a acontecer no interior do campo grazas a algunha das persoas voluntarias e xornalistas que conseguiron ficar dentro mais tamén a algunhas das familias ás que ofrece apoio no proceso de solicitude de asilo desde hai máis de dúas semanas. 

"Rumores" de que Idomeni ía ser despexado "había desde hai días", di. Así nos explicaba tamén o voluntario ferrolán Alberte Ameneiros. De facto, sinala Vence, os protestos decorridos en Idomeni a pasada semana e a carga policial "foi por iso". Pola imprensa souberon que o desafiuzamento comezaría esta terza feira (24 de maio). Porén, "dixeron que ía ser progresiva", razón pola que decidiron ficar acampadas "para calmar as familias", algunhas delas con "15 crianzas" ao cargo, "mais non nos deixaron". Nen persoal voluntario nen xornalistas puideron ficar no interior agás representantes dos medios públicos gregos, "cremos que non queren testemuñas", asegura. 

A información que recibe María Vence apunta á "calma" até o momento. A xornalista vasca Ane Irazabal sinalou através da súa conta na rede social Twitter que viron saír "cando menos cinco autobuses cheos de refuxiados". As persoas refuxiadas son trasladadas a campos militarizados "perto de Tessalónica", sinala Vence. Así as cousas, acrecenta, algunhas das familias asegurou que amosarían "resistencia pacífica" fronte á evacuación. 

As persoas despexadas serán trasladadas a campos militarizados perto de Tessalónica

Os campos militarizados non son de detención, porén, as condicións son precarias. "Acaban de construír campos novos" situados en "fábricas abandonadas" nas que se reparte comida "tres veces ao día", di María Vence. Inicialmente a cargo do exército, posteriormente "através dun servizo de cátering". "Non hai camas" só tendas de campaña militares. Nesas condicións, di, "poden estar entre 6 e 18 meses" mentres tramitan a súa solicitude de asilo.

A "broma macabra" das solicitudes de asilo

Para iso, sinala, "teñen que pedir unha entrevista por Skype" na que solicitan ser realoxadas en Grecia ou iniciar unha reunificación familiar noutro país da UE para o que é preciso contar "cun familiar de primeiro grao". "Están a ofrecerlles ir a Polonia", afirma, un estado membro gobernado polo partido de extrema dereita Lei e Xustiza (PiS) e cuxo presidente anunciou que non aceptaría persoas refuxiadas após os atentados de Bruxelas. 

A xente non quere ir a Polonia polo que os obrigan a comezar de novo o proceso de solicitude

"A xente non quere ir alí polo que os obrigan a comezar de novo o proceso de solicitude", explica María Vence. "É unha broma macabra". 

A maior parte, case a práctica totalidade das persoas que se atopan en Idomeni, son "de nacionalidade siria", moitas delas "curdas" polo que "non poden volver ao seu país", sinala esta voluntaria. De entre a poboación de Idomeni "moitos son homes desertores" que rexeitaron ir á guerra. "Eles tampouco poden volver". Aliás, dá conta de casos de extrema urxencia que non están a ser tramitados como tal. "Hai un rapaz que perdeu un ollo e ten metralla por mor dun ataque do Daesh. Ten que ser operado de urxencia e non se está a tramitar a súa solicitude de asilo". Outra muller "diabética", con crianzas ao cargo e que viaxa soa, tampouco. "Tentamos que ACNUR priorice os casos mais están sobrepasados".

Comentarios