A guerra en Ucraína, en directo, este 24 de marzo

Refuxiados ucraínos collen o tren en Lviv para fuxir a Polonia (Celestino Arce Lavin / ZUMA Press / DPA); edificio do batallón Azov bombardeado en Mariupol (Maximilian Clarke / SOPA Images vi / DPA); Carros de combate rusos en Donetsk (Maximilian Clarke / SOPA Images vi / DPA)
Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.
 Actualizar

🔴 [EN DIRECTO]

17.52 | ONGs advirten do risco de "fame e trata" das mulleres e nenos ucraínos

As ONG integradas no Comité de Emerxencia de Ucraína advertiron esta quinta feira do risco de padeceren "fame" e "tráfico de persoas" as mulleres e nenos do país. "O desprazamento, a caída repentina na pobreza extrema, a viuvez, a perda ou a separación dos membros da familia e moitas outras características deste conflito, están a crear un número incontábel de mulleres vulnerábeis cada hora", advertiu Eleanor Monbiot, xefa rexional da Oficina de World Vision para Oriente Próximo e Europa do Leste.

14.04 | O secretario xeral da OTAN prorroga un ano máis o seu mandato

O secretario xeral da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, decidiu porrogar o seu mandato á fronte do organismo internacional durante un ano máis, co apoio unánime dos Estados membros. Stoltenberg, que ocupa desde o 4 de febreiro o cargo de presidente do Banco Central de Noruega, remataba o seu período á fronte da OTAN en setembro, mais compaxinará ambos cargos durante, cando menos, un ano máis.

11.59 | Zelenski: "A paz importa, Ucraína importa!"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, enviou nesta quinta feira unhas declaracións á poboación do seu país, cando a ofensiva militar rusa en solo ucraíno chega ao mes de duración. Na súa intervención, o dirixente chama á resistencia fronte á "invasión de Rusia". Ademais, volveu pedir a intervención da comunidade internacional para axudar ás forzas e mlicias ucraínas: "A paz importa, Ucraína importa!".

10.53 | Polonia bloquea as contas bancarias da Embaixada rusa

O Goberno polaco tomou a decisión nesta quinta feira de bloquear as contas da Embaixada rusa no país, segundo denunciou o embaixador Serguei Andreyev. O executivo xustifica a medida en que os recursos desas contas bancarias estaban a ser empregadas para financiar "actividades terroristas".

9.25 | O Consello de Seguridade da ONU rexeita o proxecto ruso de resolución humanitaria sobre Ucraína

O Consello de Seguridade de Nacións Unidas (ONU) rexeitou nesta cuarta feira aprobar o proxecto presentado por Moscova de resolución humanitaria sobre Ucraína. Segundo explica o medio dixital Russia Today (RT), o proxecto, que ademais de Rusia como autor principal contaba coa coautoría de Belarús, Corea do Norte e Siria, recibiu únicamente os votos a favor de Rusia e China, mentres que o resto de integrantes do Consello de Seguridade optaron por absterse.

O representante ruso na ONU, Vasili Nebenzia, acusou estes países de considerar máis importante " a politización do expediente humanitario" que a "asistencia da ONU na prestación de axuda humanitaria aos ucraínos necesitados". Pola súa parte, os Estados membros que se abstiveron criticaron que o proxecto ruso pretendía "tapar a agresión" militar de Moscova a Ucraína.

8.47 | Reactívase de forma parcial a cotización da Bolsa de Moscú

Nesta quinta feira reactívase de forma parcial a cotización de accións da Bolsa de Moscú. En concreto, 33 empresas retoman a súa actividade bursátil cun caída de 0,6%, após estar un mes inactiva a Bolsa para evitar un impacto maior das sancións que a comunidade internacional impuxo aos mercados e principais empresarios rusos.

8.05 | Cúmprese un mes desde o comezo da guerra en Ucraína

O 24 de febreiro, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, declarou o inicio dunha "operación militar especial" para "desmilitarizar e desnazificar" Ucraína. Pese a que o Goberno ruso asegurou que só despregaría as súas tropas no territorio das Repúblicas Populares de Donetsk e Luhansk, nas últimas semanas as autoridades ucraínas denunciaron bombardeos en instalacións militares e obxectivos civís de cidades próximas ás fronteiras de Romanía, Polonia e a República de Moldova. Neste mes, Nacións Unidas (ONU) estima que máis de 3,5 millóns de persoas saíron de Ucraína, e que outros 6,5 millóns atópanse en situación de éxodo interior.