O grupo Brics estuda a súa ampliación coa vista posta en Turquía
Kazán, a capital da República de Tartarstán, no suroeste da Federación de Rusia, acolle desde a terza feira, cando se realizou a cerimonia de benvida ás delegacións cun xantar informal, a XVI Cimeira dos Brics, unha cita histórica ao tratarse da primeira reunión de líderes despois de que en 2023 se aprobara a ampliación do grupo, que amais do Brasil, Rusia, a India, a China e Suráfrica agora conta con Exipto, Irán, os Emiratos Árabes Unidos e Etiopía.
Naquela xuntanza tamén foron convidados a unirse a Arxentina e Arabia Saudita. O primeiro rexeitou o ingreso tras gañar as eleccións o ultradereitista Javier Milei, que aliñou a súa política exterior coa dos Estados Unidos, e o segundo aínda está pendente de tomar unha decisión final, polo que a súa participación no pleno da cimeira sería interpretada como unha aceptación da súa adhesión.
No cumio que decorrerá até a quinta feira baixo o lema ‘Fortalecer o multilateralismo para un desenvolvemento global xusto e seguro’, tamén se producirá na última xornada unha reunión dos membros do grupo con outros Estados fóra dos Brics, o que eleva a 36 as delegacións estatais que participan procedentes de Asia, África, América e Europa, 22 delas coa presenza da persoa á fronte do Estado, ademais do liderado de seis organismos internacionais, entre eles a Organización das Nacións Unidas (ONU), cuxo secretario xeral, António Guterres, manterá un encontro co mandatario ruso, Vladimir Putin, o 24 de outubro, informaron os medios locais.
Yuri Ushakov, asesor de Putin, trasladou que o grupo abordará “a ampliación da composición dos países participantes”, recolleu o xornal Vedomosti, salientando a importancia de “introducir a categoría de Estados socios” e que o acceso de “novos países na organización organizarase precisamente a través do mecanismo de asociación”. Unha vez debatidos estes aspectos co resto de membros “quedará claro a quen e como invitar os Brics”.
A solicitude máis relevante a nivel internacional é a enviada desde Turquía, Estado que pertence á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). A petición estivo motivada pola tentativa turca de incrementar a súa influencia internacional no contexto do desprazamento do “centro de gravidade xeopolítico” lonxe das “economías desenvoltas”, revelou a prensa internacional, así como pola falta de avances na adhesión á Unión Europea (UE) de Ancara, designada candidata en 1999, e o choque co resto de membros da alianza militar controlada polos Estados Unidos por mor da relación con Rusia.
O certo é que é o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, o que encabeza a delegación estatal, e prevé reunirse a cuarta feira con Putin, que manterá reunións de traballo tamén co mandatario iraniano Masoud Pezeshkian e o primeiro ministro etíope Abiy Ahmed. A terza a quenda foi para os líderes da India, Narendra Modi; Suráfrica, Cyril Ramaphosa; a China, Xi Jinping, e Exipto, Abdelfatah el Sisi. Asemade, na xornada de feche, ademais de con Guterres, están programadas xuntanzas co liderado de Palestina, Laos, Mauritania e Bolivia.
Turquía: OTAN e Brics?
No caso de que Turquía sexa finalmente aceptada, o seu ingreso non violaría as regras da OTAN, detallou o ex embaixador francés en Siria, Michel Duclos, apuntando que o grupo é “unha organización moi flexíbel” antes de aseverar que a solicitude turca “é un pouco contraditoria con ser un aliado na OTAN”. Porén, “Washington garda silencio, non quere unha disputa pública e de alto perfil con Turquía, e sabe que o presidente Erdogan é impredicíbel”, debullou Asli Aydintasbas, do Instituto Brookings.
Pendentes dunha resposta tamén fican Acerbaixán, Cuba, Malaisia, Tailandia, Alxeria, Bolivia, Indonesia, República Democrática do Congo, Kazhakhstán ou Venezuela. Até 34 Estados amosaron o seu interese no bloque. O presidente boliviano, Luis Arce, será o único mandatario latinoamericano presente após cancelar a súa viaxe o brasileiro Lula da Silva a raíz dun golpe na cabeza nun “accidente doméstico” e o cubano Miguel Díaz-Canel pola crise enerxética e o paso do furacán Oscar pola illa.
Os nove países que conforman os Brics concentran 45,5% da poboación e 36% do produto interior bruto mundial en paridade de poder adquisitivo. Tamén suman 43% da produción de petróleo e arredor dunha cuarta parte das exportacións a nivel global.
O seu ascenso converteuno “nun club do mundo real que controla un prestamista multilateral”, unindo “varios dos principais produtores de enerxía con algúns dos maiores consumidores entre os países en desenvolvemento e potencialmente mellorando a influencia económica do grupo nun mundo dominado polos Estados Unidos”, resolveu a axencia Bloomberg.
A ferramenta financeira á que se refire, o Novo Banco de Desenvolvemento presidido pola ex líder brasileira Dilma Rousseff, investiu 30.000 millóns de euros desde 2018 nun centenar de proxectos, e está a elevar a porcentaxe destas transaccións nas moedas locais, indicou Putin.
O “encanto” do grupo, afirma o editorial da terza feira do xornal Global Times, é que “permite que o Sur Global” vexa “o poder da unidade e a colaboración”, xerando esperanzas para impulsar o seu desenvolvemento por medio dunha “globalización económica inclusiva” e constituíndo a “forza vertebral para soster e defender o verdadeiro multilateralismo”.
Todo isto en contraposición ás “alianzas ideolóxicas ofensivas formadas por algúns países occidentais”, ao pór “a cooperación de beneficio mutuo” como base e co principio de “nunca exercer presión” sobre os seus membros para que “elixan bando”.
O substituto do sistema Swift, centro do debate no ámbito financeiro
O multilateralismo defendido polos Brics ten tamén o seu equivalente no sistema financeiro, un dos eixos principais do grupo e da cimeira, na que se tocan temas de actualidade e a cooperación en política e seguridade, economía e finanzas e nos contactos culturais e humanitarios. Nese sentido, postula que é preciso reducir a hexemonía do dólar estadounidense no comercio internacional para xerar un sistema multipolar, polo que insiste en promover o uso das moedas locais.
O dólar acumula 58% das reservas de divisas, 64% da débeda internacional, 51% dos préstamos e 52% dos depósitos internacionais e en 2022 foi usado en 88% das transaccións con divisas.
A desdolarización acelerouse pola resposta dos Estados Unidos e a UE á invasión rusa de Ucraína, que incluíu ademais de armar Kíiv sancións coercitivas aproveitando o seu dominio das institucións financeiras globais como a expulsión de bancos rusos do sistema de pagos internacional Swift, o que puxo en cuestión a credibilidade do modelo, ao que hai que engadir a dobre vara de medir con outros conflitos como o xenocidio que está a perpetrar Israel no territorio palestino de Gaza.
Neste marco, no cumio trátase o lanzamento de Brics Pay, o seu propio sistema de pagos, que para a axencia AP suporía "unha alternativa á rede global Swift" e "permitiría a Moscova eludir as sancións occidentais e comerciar cos seus socios". Pode que moitos dos países que conforman o Sur Global non sexan antioccidentais, "mais odian a política de sancións", asegura Michel Duclos.