Paso atrás na descarbonización: máis produción eléctrica fósil e menos enerxías renovábeis

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) alerta de que a produción eléctrica fósil se incrementou un 26% na Galiza en 2022, o que contrasta coa caída do 19% das enerxías renovábeis.
Fábrica de Alcoa en San Cibrao
photo_camera Fábrica de Alcoa en San Cibrao

O Observatorio Galego da Acción Climática advirte que o anos pasado se produciu un incremento de gases de efecto invernadoiro asociados á produción de electricidade após catro anos consecutivos de baixada na Galiza. Estima uns 3,5 millóns de toneladas, o que se traduce nun aumento de arredor de 30% con respecto a 2021.

De acordo cos datos de Rede Eléctrica de España (REE), Ogacli subliña que a transición eléctrica "retrocedeu" na Galiza durante 2022, de forma que as emisións de gas invernadoiro asociadas á produción eléctrica galega volveu aumentar após unha senda descendente desde 2018.

Renovábeis

Mentres, a produción renovábel representou o 64% do total, lonxe do 100% que debe supor en 2030, cun estancamento debido á baixada do 46% da contribución de encoros. Por outra parte, a xeración eólica só tivo un leve avance de 2%, aínda que segue como a principal fonte enerxía en territorio galego.

En cambio, a suma de produción das centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes e Sabón igualou o seu máximo histórico de 2008, "converténdose na segunda fonte en 2022, quedando só detrás da eólica".

E é que a central de carbón das Pontes, cuxa autorización de feche quedou parcialmente suspendida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, "case duplicou a súa produción en relación a 2021", se ben só representa 4% do total.

Descarbonización

"Trátase dun importante paso atrás na descarbonización da xeración de electricidade que, a pesar de diminuír moito as súas emisións no que levamos de século por causa do desenvolvemento renovábel e da caída no uso de carbón, segue sendo unha das maiores fontes de gases contaminantes de cambio climático no noso país (16% en 2020)", remarca a entidade nun comunicado.

Así mesmo, exponse que os datos até agora dispoñíbeis, dos nove primeiros meses do ano, indican unha diminución na demanda do 20% en 2022, o que se achaca á caída industrial pola paralización da planta de aluminio de Alcoa, en San Cibrao, na Mariña.

Comentarios