Grecia convoca unha folga xeral de 48h

A crise económica e social que vive o país heleno desde a chegada da troika e a imposición dunha dura política de recortes e axustes, levan a Grecia a unha xornada de loita de 48 horas.

"Xestes de Europa, érganse"
photo_camera "Xentes de Europa, érganse"

Ao igual que no Estado español e Poturgal, o goberno grego está a piques de aprobar os Orzamento do Estado para o exercicio 2013. A proposta do goberno de coalición --integrado pola conservadora Nova Democracia, o socialdemócrata PASOK e o centrista Dimar-- recolle máis unha vaga de recortes que suporá unha redución orzamentaria de 13,5 mil millóns de euros. Asemade, o vindeiro 12 de novembro, o Eurogrupo decidirá se o país recibe un novo tramo do segundo rescate (31,5 mil millóns de euros) que suporía a aprobación de novas medidas encamiñadas ao pagamento dos xuros. Neste sentido, o primeiro ministro grego, Antonis Samarás, anunciara hai uns meses, que o país non podería facer fronte aos pagamentos a partir de novemebro.

"Convocamos a folga contra as medidas antisociais, antilaborais e ineficaces que serán votadas polo Parlamento grego"

Perante unha realidade económica e social tan adversa, as centrais sindicais helenas ADEDY e GSEE, veñen de convocar unha folga xeral de dous días para os vindeiros 6 e 7 de novembro contra as "medidas antisociais, antilaborais e ineficaces que serán votadas polo Parlamento grego", aseguraba nun comunicado a GSEE; novas políticas de axuste e recortes que se virían sumar ao plan de privatizacións aprobado polo goberno a pasada cuarta feira. Segundo Samarás, a medida encamíñase cara á privatización das empresas estatais entre as que se atopan as compañías eléctrica e ferroviaria, portos e aeroportos provinciais e terras públicas.

As centrais sindicais anuncian que haberá manifestacións ambos os dous días de folga, fixándose a do 7 de novembro perante o Parlamento, coincidindo coa votación dos novos orzamentos.

Apagón informativo a prol do seguro médico

O pasado 31 de outubro, Grecia vivu un apagón informativo en que a maior parte das canles de televisión e radio do país suspenderon as súas emisións. Ao mesmo tempo, os portais de información dixital, mantiveron a xornada sen se actualizaren, aliás, a imprensa secundou o paro e non se publicou ningún xornal en papel o día seguinte (1 de novembro).

Os sindicatos de xornalistas amosaban deste xeito, o seu rexeitamento á fusión dos seus seguros médicos aprobada polo goberno de Samarás, verbo das exixencias chegadas desde Bruxelas. "Esta decisión do goberno supón a confiscación dos bens das caixas de saúde dos empregados dos medios", aseguraban desde o sindicato de xornalistas ESIEA. Porén, esta xornada de loita, dá continuidade ás desenvolvidas por este sector nos últimos anos que protestaba polo impagamento dos soldos e o despedimento masivos e os recortes do goberno.

O Tribunal de Contas di que as políticas de austeridade son 'inconstitucionais'

Segundo o Tribunal de Contas heleno, as políticas desenvolvidas polo goberno de Antonis Samarás, confrontan coa obriga constitucional de "respectar e protexer a dignidade humana e os principios de igualdade" entre as persoas. Malia que o ditame non é vinculante e polo tanto, non impedirá que as políticas de axuste e recortes aprobadas e implementadas polo goberno heleno continúen en vixencia, o certo é que as vítimas destas medidas poderían iniciar unha batalla legal. Neste sentido, os recortes en servizos públicos, salarios, subsidios e pensións que pretende aprobar o executivo grego cos novos Orzamentos de Estado para 2013 é segundo o tribunal, ilegal.

Comentarios