xoves 23/09/21

Myanmar retrocede unha década

O pasado 1 de febreiro o Tatmadaw, nome oficial das Forzas Armadas de Myanmar, protagoniza un golpe de Estado, e deste xeito o país máis pobre do sueste asiático retrocede unha década retomando o camiño iniciado en 1962, cando tras outro golpe de Estado, o exército asumiu o control do país, que dirixiu durante os seguintes 50 anos.

Mais malia os cortes de Internet e a represión das protestas milleiros de persoas enchen cada día as rúas das principais cidades de Myanmar, no que son as terceiras grandes mobilizacións contra os militares desde a independencia de Myanmar do imperio británico en 1948, tras as de 1988 e 2007, que remataron en baños de sangue.

En 2008 os militares comezan a dar pasos cara a un novo sistema político, elaboran unha nova Constitución e en 2011 comeza un lento proceso cara a “unha democracia disciplinada” no que compartirán o poder con representantes civís, até 2015 cun partido creado polo exército en 2010, o PUSD.

En 2015 a Liga Nacional para a Democracia (LND) de Suu Kyi obtén un claro triunfo nas eleccións lexislativas, o que lle permite formar goberno. Mais o goberno civil ten unha limitada marxe de manobra, pois a Constitución resérvalle ao Tatmadaw un amplo poder político, unha autonomía case total e un importante peso na economía co control de industrias clave do país, o que lle asegura un gran fluxo de recursos.

A vitoria da LND trae grandes esperanzas para continuar coas reformas, acadar a modernización do país e a solución dos numerosos conflitos étnicos, nun país no que existen 135 etnias e decenas de guerrillas que loitan pola autonomía, o federalismo ou a independencia.

Mais en 2017 ten lugar unha “operación de limpeza” contra os rohingya, que causa máis de 10.000 mortos e 750.000 desprazados que foxen cara ao maior campo de refuxiados do mundo, Cox´s Bazar en Bangladesh, onde viven 1.000.000 de persoas. Mentres as Nacións Unidas acusan Myanmar de “intención xenocida” e “exemplo de manual de limpeza étnica”, a reputación internacional de Suu Kyi, Premio Nobel da Paz en 1991, vese fortemente danada pola súa resposta á crise, e na Corte Internacional de Xustiza defende o papel do seu antigo inimigo, o Tatmadaw.

Nas eleccións lexislativas do 8 de novembro a LND mellora aínda os resultados de 2015, acadando o 83% dos representantes. Tras ser rexeitadas as queixas de fraude masiva pola Comisión Electoral, o exército consuma o golpe de estado o mesmo día no que se ía celebrar a sesión constitutiva do novo Parlamento e declara o estado de emerxencia durante un ano, interrompendo así o proceso iniciado en 2011.

En 2019 a LND propuxo unha reforma da Constitución, ameaza directa ao poder do Tatmadaw, que pode explicar as verdadeiras motivacións do golpe. E por outra banda, o xeneral Min Aung Hlaing, comandante en xefe das Forzas Armadas, que debía pasar a retiro este ano, ten intereses en xogo: a súa ambición presidencial, o medo a enfrontar xuízos polos crimes cometidos contra os rohingya e outras minorías étnicas, e garantir a súa riqueza mantendo o control do exército sobre amplos sectores da economía.

O golpe supón un duro revés para as aspiracións democráticas do país e unha gran preocupación para as minorías étnicas, que temen un agravamento dos conflitos, causantes da morte de centos de milleiros de persoas nos últimos 73 anos, e desde logo unha paralización dos procesos de paz.

O Tatmadaw está a recibir presións da comunidade internacional para que recoñeza os resultados das eleccións, devolte o poder e libere os 4.000 detidos, entre quen se atopa Suu Kyi, quen xa pasou 15 anos baixo arresto domiciliario. Rusia e China, con intereses estratéxicos e importantes proxectos no país, veñen amosando unha postura máis morna ante os “asuntos internos” do país asiático.

No país o movemento de desobediencia civil non cede malia que o exército está a reprimir con dureza as protestas, con xa 750 persoas mortas. Mais aínda que os seus negocios poden verse danados polas posíbeis sancións, o Tatmadaw ten poucas razóns para devoltar o poder a un goberno civil que sen dúbida desexa limitar os seus poderes.

comentarios