venres 18/09/20

O Goberno español rexeita a axuda de Cuba para loitar contra a COVID-19

O Goberno español rexeita que médicas e médicos de Cuba cheguen ao Estado español como si está a acontecer en países Italia ou Andorra. 

Persoal médico Cubano enviado a loitar contra o coronavirus a Surinam (Imaxe: Axencia Cubana de Noticias)
Persoal médico Cubano enviado a loitar contra o coronavirus a Surinam (Imaxe: Axencia Cubana de Noticias)

O Executivo español desbota a colaboración de Cuba para loitar contra o coronavirus e non contempla que médicas e médicos da illa cheguen ao Estado español como si está a acontecer en países da Unión Europea como Italia. 

Tampouco prevé o Goberno de Pedro Sánchez sumar ao cadro de persoal sanitario as e os profesionais de Cuba que residen en España pero están pendentes da homologación do título. 

En canto ao antiviral Interferón Alfa-2 B que se fabrica en Cuba para reverter os efectos da COVID-19, o Ministerio de Sanidade non está a facer provisión do mesmo, aínda que si o recoñece como un medicamento para usar no tratamento. 

O propio presidente do Goberno valenciano, Ximo Puig (PSOE), admitía esta semana que estaban a estudar na Generalitat a posibilidade de contratar persoal médico cubano para reforzar o sistema valenciano, mais admitiu que non quería entrar en "ningún tipo de contradición ou conflito" e que buscaba unha interlocución adecuada cos Gobernos de España e Cuba. 

Quen si solicitou formalmente ao Ministerio de Sanidade contar con persoal médico cubano foi a consellera de Salut do Govern catalá, Alba Vergés.

A titular de Sanidade reclamou esta semana realizar "unha homologación exprés" das titulacións deses profesionais para que poidan desenvolver as súas funcións en Catalunya, do mesmo xeito que o fan xa en Andorra ou en Italia, exactamente en Lombardía, gran foco de contaxio da  COVID-19 no mundo. 

Segundo sinalaron medios de comunicación catalás, a posibilidade de recrutar médicas e médicos cubanos púxose sobre a mesa dos gabinetes de crises en Catalunya a principios de esta semana e foi cara a finais da mesma cando se reclamou ao Ministerio de Salvador Illa que se permitise a contratación dese persoal. 

Ademais de a Italia, Cuba enviou brigadas médicas a outros 13 países, na súa maioría de América Latina, mais tamén de Europa. De feito, un total de 39 profesionais sanitarios cubanos, entre os que se atopan unha ducia de profesionais da Medicina e 27 da Enfermaría, xa están a reforzar o sistema sanitario  andorrano.
A maiores, outros 30 Estados contan con cooperantes de Cuba para axudar a facer fronte á COVID-19. 

comentarios