Cuba produce medicamentos contra a COVID-19 e envía brigadas médicas a Italia

A illa produce o Interferón alfa 2B e outros medicamentos para tratar a COVID-19 que son utilizados na China. Ademais, prepara o envío de brigadas médicas a Italia a petición de Lombardía.

interferon

O grupo empresarial Biocubafarma, que produce o interferón alfa 2B e outros 22 medicamentos para o tratamento da COVID-19, informou nesta cuarta feira, 18 de marzo, que Cuba conta con produción suficiente para fornecer a poboación da illa.

Directivos da entidade confirmaron que eses fármacos forman parte dos 300 que elabora dentro do cadro básico que se distribúe aos centros asistenciais e as farmacias de todo o país, e que están intensificando esforzos ante a urxencia epidemiolóxica que representa o novo coronavirus.

O Ministerio de Saúde Pública de Cuba (MINSAP) confirmou na terza feira, 17 de marzo, que se detectaran dous novos casos positivos de coronavirus, co que se eleva a sete o número de contaxiados no país.

O antiviral Interferón alfa 2B recombinante ─explica o Granma─ é un produto líder da biotecnoloxía cubana que se elabora no Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB, nas siglas en español) e na planta mixta cubano-chinesa ChangHeber, situada na China. Alí estase a usar para tratar os pacientes da COVID-19 e tamén se está a administrar de forma preventiva ao persoal médico.

Solidariedade internacional

Segundo os medios cubanos, actualmente están dispoñíbeis todas as capacidades para "responder ás necesidades do país" e a "máis de 15 solicitudes de nacións de América Latina e o Caribe, Europa, África e Asia", a partir das experiencias acumuladas polo seu uso durante brotes doutros virus.

Nunha entrevista na canle de televisión TeleSur, o médico cubano e creador do Interferón alfa 2B, Luis Herrera, explicou que o medicamento se usou "en varios países latinoamericanos". "Mesmo o que se usou para tratar os pacientes na China provén de tecnoloxía cubana", sinalou.

Herrera salientou ademais a solidariedade a nivel mundial para combater o virus e utilizar o medicamento como tratamento. "Tivemos colaboracións con máis de 35 países no mundo. Cómpre priorizar a solidariedade para enfrontar o coronavirus", engadiu.

Brigadas médicas

Neste sentido, Cuba está a enviar especialistas e medicamentos a Italia despois de que a rexión da Lombardía o solicitase nos últimos días. Tamén o Brasil anunciou que contratará os médicos cubanos residentes no país, que chegaron baixo os gobernos do Partido dos Trabalhadores.

Case 9.000 médicos cubanos, a maioría traballadores en comunidades pobres e remotas de todo o Brasil, regresaron á illa en novembro de 2018 tras os ataques por parte do presidente brasileiro, Jair Bolsonaro. Mais arredor de 1.800 permaneceron.

Ademais, un grupo de médicos cubanos residentes en territorio español abriu unha petición en change.org para poñerse a disposición das autoridades sanitarias na loita contra o coronavirus. Na nota, afirman ser máis de 200 profesionais á espera da homologación dos seus títulos. Até o de agora non puideron exercer na sanidade española, mais ofrécense a incorporarse ante a situación actual.

Cruceiro británico

"É o momento de ser solidarios, de entender a saúde como un dereito humano, de reforzar a cooperación internacional para facer fronte aos desafíos comúns", sinalou o Ministerio de Asuntos Exteriores cubano nun comunicado a respecto da decisión de acoller no país un cruceiro británico con cinco pasaxeiros infectados co coronavirus e outras 40 persoas en corentena.

O barco MS Braemar, con 1.603 persoas a bordo (682 pasaxeiros e 381 membros da tripulación), tentou atracar sen éxito en Barbados e permaneceu varios días ancorado fronte ás Bahamas. As autoridades de ambas as illas rexeitaron a solicitude de poder desembarcar os pasaxeiros para ser despois repatriados ao Reino Unido.

Comentarios