O Goberno español pretende inmunizar 10 millóns de persoas

Segundo os cálculos do Goberno español contaríase xa a inicios de 2021 con 20 millóns de vacinas da farmacéutica Pfizer contra o coronavirus, "se pasan todos os controis". Como cada persoa precisaría de dúas doses, espérase que esa primeira remesa sirva para inmunizar 10 millóns de cidadás e cidadáns no Estado. 
Grande-Marlaska, María Jesús Montero e Pedro Duque, hoxe após o consello de Ministras e Ministros. (Foto: J. Hellín / Europa Press)
photo_camera Grande-Marlaska, María Jesús Montero e Pedro Duque, hoxe após o consello de Ministras e Ministros. (Foto: J. Hellín / Europa Press)

O Executivo estatal conta con adquirir a vacina da Covid-19 que desenvolven as compañías Pfizer e Biontech, que serían eficaces segundo esas empresas e expertos alleos en máis de 90% dos casos. "Arroxan datos que desde o noso punto de vista son de forma preliminar moi positivos. De feito calculamos que a España poderían chegar ao redor de 20 millóns de doses da empresa Pfizer, se esta pasa todos os controis, que servirían para vacinar 10 millóns de persoas -pois precisaríanse dúas doses por persoa-", afirmou a ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero.

"Son noticias esperanzadoras", engadiu en referencia ao comunicado das farmacéuticas que sinala o "éxito" da primeira análise intermedia do seu ensaio de fase 3.

Montero avanzou que "a vacina será gratuíta e distribuirase a través do sistema de saúde estatal priorizando os grupos que estabelezan o Ministerio de Sanidade, as comunidades autónomas e as sociedades científicas".

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou que esperaba asinar o contrato con Pfizer "esta semana ou a próxima" e contar coas vacinas en 2021 ou antes, a finais deste ano. 

Até 300 millóns de doses

Por outra banda, o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, adiantou que a Comisión Europea esperaba dar visto e prace ao acordo alcanzado con Pfizer e Biontech para que os Estados membros poidan adquirir até 300 millóns de doses da súa vacina contra a Covid-19. Confirmaba isto mesmo hoxe a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, ao anunciar a sinatura dese contrato. 

Aliás, Pedro Duque asegurou que o prezo que se negocia é "adecuado" e xa incluiría a distribución da vacina en cada territorio, xa que requiren ser conservadas a menos 70-80 graos centígrados. 

Os datos anunciados antonte pola farmacéutica Pfizer derivan dunha primeira análise revisada por un equipo de expertas e expertos alleos. Os resultados obtivéronse na terceira fase de ensaios e a eficacia ante o novo coronavirus logrouse unha semana despois da segunda dose da vacina e 28 días após a primeira, segundo indicou a farmacéutica. 

Comentarios