Máis Gobernos piden voltar ao confinamento

O Goberno estatal non quere polo de agora o confinamento domiciliario e empraza a agardar para analizar o resultado das últimas medidas adoptadas para frear a propagación do coronavirus. 

Ambiente nunha terraza de Madrid en outubro, antes da fin do estado de alarma na rexión (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Ambiente nunha terraza de Madrid en outubro, antes da fin do estado de alarma na rexión (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Os presidentes de Asturies, Adrián Barbón (PSOE), o de Ceuta, Juan Vivas (PP), e o de Melilla, Eduardo de Castro (Cs), pediron un confinamento domiciliario ao Goberno español, mentres en Castela-A Mancha e Castela e León están a estudar a opción. Esta última comunidade anunciou esta terza feira, 3 de novembro, o fechamento da hostalaría, centros comerciais, ximnasios e a suspensión de visitas ás residencias.

Porén o Goberno estatal non quere polo de agora o confinamento domiciliario e empraza a agardar para analizar o resultado das últimas medidas adoptadas para frear a propagación do coronavirus antes de estudar opcións máis severas. Na cuarta feira reunirase o pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde  para analizar a eficacia das medidas actuais. 

As comunidades notificaron esta terza ao Ministerio de Sanidade 18.669 novos casos de Covid-19, 5.141 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra similar con respecto aos 18.418 do mesmo día da semana anterior.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.259.366 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 527, fronte a 521 de onte e 436 da terza da semana pasada, cun total de 248.271 positivos nas pasadas dúas semanas.

Dos 5.141 casos diagnosticados onte, 325 producíronse en Andalucía, 621 en Aragón, 245 en Asturies, 81 en Balears, 49 en Canarias, 216 en Cantabria, 192 en Castela-A Mancha, nove en Castela e León, 531 en Catalunya (pero que corresponden aos días 31 de outubro e 1 de novembro porque non puido actualizar hoxe os seus datos por "problemas técnicos"), 48 en Ceuta, 85 en Valencia, 347 en Estremadura, 439 na Galiza, 382 en Madrid, 41 en Melilla, 63 en Murcia, 428 en Nafarroa, 932 en Euskadi e 107 na Rioxa.

Na última semana, faleceron 832 persoas con diagnóstico de COVID-19 positivo confirmado en España, unha gran subida en comparación cos 777 de onte. Até 36.495 persoas con proba  diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou ao Estdo. No informe desta terza engadíronse 238 novos falecementos.

As 832 mortes da última semana distribúense da seguinte maneira: 144 en Andalucía, 92 en Aragón, 68 en Asturies, sete en Balears, 11 en Canarias, cinco en Cantabria, 31 en Castela-A Mancha, 129 en Castela e León, 22 en Catalunya, seis en Ceuta, 42 en Valencia, 39 en Estremadura, 70 na Galiza, 35 en Madrid, unha en Melilla, 35 en Murcia, 36 en Nafarroa, 42 en Euskadi e 17 na Rioxa.

Comentarios