Internacional

O Goberno aproba 50 novas medidas con moratorias para as cotas de autónomos e no aluguer

O Consello de Ministras aprobou esta terza feira máis de 50 novas medidas en materia de aluguer, moratoria de cotas a autónomos e pemes ou un subsidio para contratos temporais ou empregadas do fogar despedidas. 
Pablo Iglesias, María Jesús Montero e Nadia Calviño (Moncloa).
photo_camera Pablo Iglesias, María Jesús Montero e Nadia Calviño (Moncloa).

O Consello de Ministras aprobou esta terza feira un real decreto lei que contempla a prórroga dun mes tras o estado de alarma de todas as medidas xa implementadas para mitigar o impacto da COVID-19, salvo as que teñan un prazo específico, e aprobou máis de 50 novas medidas en materia de aluguer, moratoria de cotas a autónomos e pemes ou un subsidio para contratos temporais ou empregadas do fogar despedidas, entre outras. Ademais, espera ter "moi pronto" plans de reactivación e impulso económico.

Así o anunciaron na rolda de prensa telemática posterior á reunión a portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, o vicepresidente de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, e a vicepresidenta terceira de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, quen destacou que con este segundo "escudo" contra a COVID-19 búscase protexer "da mellor maneira posible" aos máis vulnerábeis.

Montero e Calviño insistiron en que co decreto do pasado domingo de paralización de actividades non esenciais "non se detivo a economía", senón que se introduciu en "unha sorte de hibernación", xa que permite ás empresas adecuar os seus persoais para manter unha "base", non perder contratos e manter certa actividade produtiva que se poida reactivar tras o estado de alarma.

"Trátase de non parar e de ter un sistema basal da economía para que cando pasen os días podamos recuperar a normalidade; é coma se prolongásemos as vacacións de Semana Santa", indicou Montero, quen avanzou que o restablecemento da normalidade e a vida cotiá farase de forma "progresiva", cando se aproxime a fin de semana Santa para consolidar as actuacións que tiveron efecto e o confinamento non perda "efectividade".

De feito, Calviño dixo esperar que "moi pronto" haxa plans para a reactivación e o impulso económico co fin de que a economía recupere o ritmo que viña marcando ata finais de febreiro, cando comezou a ter impacto a pandemia provocada polo coronavirus.

50 novas medidas e prorrogadas as actuais

O real decreto lei aprobado esta terza feira, que previsibelmente se publicará no BOE na cuarta, segundo apuntaron a Europa Press fontes gubernamentais, prorroga un mes tras a finalización do estado de alarma as medias urxentes aprobadas as últimas dúas semanas para mitigar o impacto económico e social da COVID-19, fóra das que conten con prazos propios, como a moratoria hipotecaria, determinados aprazamentos ou as axudas de aluguer.

Atendendo a unha das principais demandas, o Goberno aprobou un paquete de medidas en materia de aluguer que beneficiarán a 500.000 familias vulnerábeis, segundo precisou Iglesias.

En concreto, aproba a suspensión de desafiuzamentos (lanzamentos sen alternativa habitacional) durante seis meses tras o estado de alarma e a prórroga extraordinaria de seis meses dos contratos de aluguer de vivenda habitual para evitar subidas abusivas aproveitando a COVID-19.

Tamén impulsa un microcrédito para colectivos vulnerábeis que dará o Estado a tipo de interese cero, a devolver en 6 anos ampliable a 10, con condicións de vulnerabilidade amplas que permitirá acollerse a traballadores baixo un  ERTE, redución de xornada ou autónomos con dificultades.

Para os que continúen con dificultades tras a crise, o Estado pagará a débeda de aluguer cunha liña de axudas públicas por importe de 700 euros que contempla axudas de ata 900 euros ao mes e 200 euros de subministracións e mantemento.

Ademais, os grandes posuidores ou fondos de investimento terán que realizar unha quita do 50% ou ben reestruturación da débeda en 3 anos.

Moratoria de hipotecas e subministros

En paralelo, amplía a tres meses a moratoria no pago de hipoteca para aquelas persoas que perdesen o seu emprego ou visen reducidos os seus ingresos, fronte ao mes previsto ata o de agora, e estendeu a medida a todo tipo de préstamos.

Igualmente, mentres estea en vigor o estado de alarma, non poderá cortarse a subministración enerxética de ningún tipo, nin a auga na vivenda habitual, salvo por motivos ligados á seguridade de subministración, segundo a norma aprobada, que amplía tamén o bono social para que as persoas que quedaron en situación de vulnerabilidade poidan acollerse a el, ampliándoo cunha moratoria no pago de subministracións para autónomos e pemes e a posibilidade de adaptar os seus contratos ás súas novas realidades de consumo, sen penalización.

Moratoria de cotas a pemes e autónomas

Outra das medidas aprobadas máis reclamadas, a moratoria do pago das cotizacións á Seguridade Social durante seis meses dos autónomos e empresas, para o que dispoñerán de dez naturais para solicitar a medida, que vén acompañada dun aprazamento do pago de débedas até o 30 de xuño de 2020 e unha moratoria das cotas polos días traballados de marzo sen intereses.

Igualmente, amplíase a cobertura para protexer novas situacións de traballadores afectados pola crise sanitaria ao cubrirse neste caso aos traballadores temporais cuxo contrato chegou ao seu fin tras a declaración do estado de alarma.

Para iso, establécese un subsidio de 430 euros de desemprego excepcional, dun mes de duración ampliable, sen requisito de carencia, para estes traballadores temporais que non teñan a cotización necesaria para acceder a outra prestación ou subsidio.

O decreto recolle tamén a extensión, de maneira excepcional, da prestación por incapacidade temporal (IT) a aqueles traballadores por conta allea ou por conta propia obrigados a desprazarse de localidade e con obrigación de prestar servizos esenciais que non poidan facelo debido ao confinamento da poboación.

Empregadas do fogar 

Ademais, créase un subsidio por desemprego temporal para as empregadas do fogar que poden solicitar se quedan no paro ou se ven reducidas as súas horas de traballo, que é compatíbel co mantemento dunha parte da actividade laboral.

Por outra banda, modifícase o réxime de garantías para axilizar e facilitar a xestión de axudas do Ministerio de Industria, con facilidades para o refinanciamento, e habilítase ao ICEX a devolver ás empresas os gastos incorridos en feiras organizadas polo organismo que tiveron que ser canceladas.

Tamén se suspende un ano o pago de intereses do programa Emprendetur, entre outras medidas, e permítese a utilización de hoteis e aloxamentos turísticos como "alternativa  habitacional segura" para vítimas de violencia machista se os servizos de acollida non teñen dispoñibilidade.

O Executivo pide "desculpas"

Asemade, O Goberno de Pedro Sánchez pediu "desculpas" polo "ritmo vertixinoso" ao que se ve obrigado a tomar decisións polo coronavirus e comprometeuse a seguir "estreitando a coordinación" cos Gobernos dos diferentes territorios estatis e os partidos políticos para que estean puntualmente informados acerca das accións do Executivo.

O vicepresidente segundo Pablo Iglesias admitiu que o Goberno de coalición fixo "cousas mal" e "cometeu erros", mais puxo o acento en que "con medidas" como as que aprobou o Consello de Ministras está a avanzarse "na dirección correcta".

Agora ben, recoñeceu que "nestas horas decisivas" é un "deber" do Goberno "tender a man á oposición con toda a humildade para que se somen e acheguen as súas ideas e a súa visión de forma construtiva". "O patriotismo non é outra cousa que defender o común, é poñer o interese xeral do país por diante dos intereses particulares", resolveu.

Comentarios