Diferenzas no seo do Goberno español adían a publicación das "actividades esenciais" no BOE

Ás 22.30 horas deste domingo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) aínda non recollera a publicación do decreto que detalla cales son as "actividades esenciais" ás que non se lles aplica a suspensión aprobada no último Consello de Ministros extraordinario.
Reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Reunión do Consello Ministerial (Imaxe: Europa Press)

O domingo pola mañá o Consello de Ministras e Ministros do Goberno de Pedro Sánchez reuníase de maneira extraordinaria para aprobar a suspensión das actividades non esenciais e para tratar de reducir, así, a mobilidade das persoas e conter os contaxios de coronavirus.

Xa o avanzara na tarde do sábado o propio Sánchez, quen anunciaba que do 30 de marzo ao 9 de abril, ambos os dous días incluídos, o groso de traballadoras e traballadores debería ficar na casa. O xefe do Executivo dera conta do "permiso retribuído recuperábel" para poder levar a cabo unha medida que estaba a ser reclamada por parte da comunidade científica e por partidos políticos e forzas sindicais.

Após o Consello de Ministras e Ministros, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, comparecían perante a prensa mais seguían sen detallar as actividades esenciais alén do que apuntara Sánchez na tarde do sábado.

Contábase coa publicación do decreto no BOE na tarde do domingo, mais ás 22.30 horas aínda non se fixo público no boletín que actividades están afectadas pola medida. Fontes próximas ao Goberno, apuntan a diferenzas no Executivo entre quen defendían endurecer o confinamento e quen preferían mantelo como estaba. Encabeza este último grupo a ministra Natalia Calviño, quen chegou a afirmar a necesidade de minimizar o "risco de que a ralentización da economía teña un impacto estrutural".

Segundo o borrador que o Goberno fixo chegar a algúns medios de comunicación, e á espera do que se publique no BOE, consideraríanse actividades esenciais as seguintes.

Sanidade

  • As de transporte e asistencia sanitarios, pública ou privada, as das Forzas e Corpos de Seguridade, as de protección civil e salvamento e as de extinción de incendios.
  • As que transporten a persoal de mantemento ou técnicos de reparación de instalacións ou equipamientos sanitarios.
  • As de distribución de medicamentos e material sanitario.


Servizos básicos

  • Os destinados á distribución de alimentos: a produción, comercialización, transformación e distribución de produtos agrícolas, ganaderos e pesqueros, e os seus insumos.
  • Os de recollida de residuos sólidos urbanos.
  • Os destinados ao transporte de combustíbeis.
  • Os destinados á fabricación e distribución de produtos de limpeza e hixiene.


Seguridade do Estado

  • Os das Forzas Armadas.
  • Os de auxilio en estrada.
  • Os dos servizos de conservación e mantemento de estradas
  • Os utilizados polas empresas de seguridade privada para a prestación de servizos de transporte de seguridade, de resposta ante alarmas, de rolda ou vixilancia discontinua, e aqueles que resulte preciso utilizar para o desempeño de servizos de seguridade en garantía dos servizos esenciais e o abastecemento á poboación.


Outros servizos mínimos

  • Os da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A.
  • Os fúnebres.
  • Outros vehículos que, non estando incluídos entre os anteriores, os axentes encargados do control e disciplina do tráfico consideren, en cada caso concreto, que contribúen a garantir o fornecemento de bens ou a prestación de servizos esenciais para a poboación
  • Tamén aquelas industrias reconvertidas para a produción de material sanitario, é dicir, aquelas empresas dedicadas á construción de respiradores e alcohol sanitario e todos os servizos logísticos que requiran o exercicio desta actividade.


Medios de comunicación

  • Os medios poderán seguir operando con normalidad a partir da segunda feira.

 

Comentarios