Ayuso admite que o seu irmán cobrou 55.000 euros no contrato das máscaras "por xestións coa empresa"

"É unha contraprestación polo seu traballo, non unha comisión por intermediación", afirma, malia recoñecer que Tomás Díaz Ayuso xestionou a venda á Comunidade de Madrid de máscaras procedentes da China.
Isabel Díaz Ayuso, fotografada esta quinta feira (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, fotografada esta quinta feira (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, aclarou que o seu irmán, Tomás Díaz Ayuso, cobrou 55.000 euros máis IVE da empresa Priviet Sportive non por obter un contrato coa Administración rexional, senón pola cobranza das "xestións realizadas" para conseguir o material sanitario, en concreto máscaras na China, e polo seu traslado a Madrid.

"É unha contraprestación polo seu traballo, non unha comisión por intermediación", defendeu a través dun comunicado esta sexta feira, onde subliñou que dá esta explicación tras pór "en cuestión" a dirección do PP estatal a súa "honorabilidade" e a do seu Goberno.

Aliás, Díaz Ayuso recoñeceu que sempre se negou a dar explicacións sobre a actividade laboral do seu irmán e nunca interferiu nela. Admitiu que quizais fose "en erro", mais parécelle "denigrante" ter que aclarar as relacións comerciais do seu irmán cunha empresa "por sospeitas baseadas en informacións que ninguén explica de onde saíron".

A presidenta madrileña explicou que o seu irmán enviou á empresa Priviet Sportive catro facturas no ano 2020. Segundo detallou, a factura do 30 de xuño de 2020 foi por xestións para a compra de máscaras na China, vendidas á Comunidade de Madrid a cinco euros cando os prezos nese momento chegaban a 10,5 euros. Así, expuxo que nese momento, en abril de 2020, as seguintes empresas venderon máscaras a prezos superiores: Biogen (FP3: 10,5€), Palex ( FFP2: 6,5€), Lost Simetry ( FFP2: 6€), Helianthus ( FFP2: 5,95€) e Barna ( FFP2: 5,30€).

A factura a Priviet Sportive, subliñou, "non é unha comisión por obter o contrato da Administración, senón a cobranza das xestións realizadas para conseguir o material na China e o seu traslado a Madrid, que é distinto". "É unha contraprestación polo seu traballo, non unha comisión por intermediación. Esa factura é de 55.850 euros máis IVE", especificou.

A presidenta subliñou que do resto de facturas non ten que dar conta "porque non teñen relación coa Comunidade de Madrid" e o seu irmán ten "dereito á súa privacidade".

"Espero que con esta explicación ninguén dubide da miña honorabilidade nin da miña exemplaridade. Insisto en que nunca influín para a compra de máscaras a esta empresa, e que souben dese contrato cando me informou Pablo Casado, non antes", sinalou, á vez que asegurou que facilitará o informe do secretario do Consello de Goberno no que se recolle que non tivo "ningún deber de abstención neste contrato".

Comentarios