Faleceu Aureli Argemí, fundador e presidente emérito de Ciemen

En 1974 creou o Centro Internacional Escarré para as minorías étnicas e as nacións, un órgano de referencia para as nacións e pobos sen estado.

Aureli Argemí

06.09.2023


Foto: Albert Salamé / VWFoto
photo_camera Aureli Argemí (Foto: Vilaweb) 06.09.2023 Foto: Albert Salamé / VWFoto

Faleceu o fundador do Centro Internacional Escarré para as minorías étnicas e as nacións (Ciemen) e gran defensor dos dereitos dos Países Cataláns e dos pobos sen estado, Aureli Argemí.

Nado en Sabadell, Argemí foi estudante e monxe na Abadía de Montserrat durante case dúas décadas. Foi secretario do abade Escarré na década dos sesenta, ao que acompañou ao exilio ordenado polas autoridades franquistas. El mesmo explicou que foi durante este exilio, en Italia, cando se fixo independentista.

Licenciado en teoloxía en Roma e París, foi monxe en Montserrat e formou parte da comunidade de Cuixà na Cataluña do Norte. Argemí foi un home sempre vinculado á defensa dos Países Cataláns no ámbito cultural e político, un loitador incansábel que soubo reunir ao seu redor ás xeracións máis novas.

Foi impulsor da Coordinadora de Asociacións pola Lingua Catalá, da Plataforma polo Dereito a Decidir, en 2005, da que foi presidente, e da Asemblea Nacional Catalá (ANC).

Pero a súa figura seguirá sempre vinculada ao Ciemen, organización pioneira na defensa dos dereitos dos pobos de todo o mundo, que fundou en 1974 e que segue funcionando na actualidade e é unha gran referencia internacional.

En 1985, Argemí abandona a vida monástica e dedicouse por completo á obra do Ciemen. En 2016 recibiu a Cruz de Sant Jordi. Tamén foi galardoado coa Medalla de Ouro de Barcelona.

Argemí acababa de publicar un libro de memorias titulado, onde recolle as súas lembranzas de décadas de activismo a prol do país e da lingua.

Foi promotor da Declaración Universal dos Dereitos Colectivos dos Pobos (1990) e da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996). Defendeu a paz, baseada no respecto a dereitos inalienables, como a autodeterminación, e traballou pola cooperación internacional ao desenvolvemento.

A Mesa por Normalización Lingüística expresou o seu pesar  polo falecemento de Aureli Argemí. "Un home que traballou na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos para facer do mundo un lugar máis plural, diverso e baseado no uso pleno de todas as linguas", sinalou nun comunicado.

Comentarios