A extrema dereita racha o Goberno holandés e abre a porta a eleccións anticipadas
O líder ultra, Geert Wilders, esixira o feche das fronteiras e a expulsión de miles de refuxiadas.
O principal partido de extrema dereita holandés, o Partido pola Liberdade (PVV) liderado por Geert Wilders, abandonou o Goberno de coalición nos Países Baixos, o que provocou unha ruptura e abre a porta a eleccións anticipadas.
A decisión foi anunciada polo propio Wilders cunha breve mensaxe na rede X, na que di: "Os nosos plans de asilo non foron asinados. Non cumpre co acordo de coalición. O PVV abandona a coalición".
Wilders xa ameazara con dar este paso o domingo se non se aprobaba a maior parte do seu plan sobre asilo e migración. O plan, presentado a semana pasada, inclúe medidas como o peche inmediato das fronteiras a todos os solicitantes de asilo, a repatriación de decenas de miles de refuxiados sirios, o peche dos centros de acollida, o fin da reunificación familiar e a expulsión dos delincuentes con dobre nacionalidade.
Desde a súa vitoria nas eleccións do pasado novembro, Wilders insistira en aplicar "a política migratoria máis estrita da historia" do país.
Porén, o plan só recibiu apoio parcial do movemento Campesiño-Cidadán (BBB), tamén membro da coalición gobernante, que completaba o Partido Popular pola Liberdade e a Democracia (VVD) e o partido Novo Contrato Social (NSC). As discrepancias entre as formacións impediron que se levase a cabo o programa de Wilders, e finalmente optou por abandonar o goberno.

