Unha explosión paraliza o tráfico sobre a ponte de Crimea

A explosión dun camión na ponte que une a península de Crimea coa Rusia continental  vén de deixar parcialmente inutilizada esta infraestrutura.

Crimea lume
photo_camera A ponte de Crimea en chamas tras o estoupido do camión. (Foto:@Crimea).

Crimea espertou está maña cunha forte explosión na ponte que une esta península do mar Negro con Rusia. Segundo a información fornecida polas autoridades rusas, as 6:07 hora local un vehículo de carga estoupou provocando o incendio de sete tanques de combustíbel dun tren.

O Comite Antiterrorista de Rusia sinala que como consecuencia do sinistro “colapsaron parcialmente dous tramos de estrada da ponte” porén “non provocou feridos” nin outro tipo de danos humanos. Neste sentido, indica que “o lume aberto na ponte extinguiuse, do mesmo xeito que se liquidou un incendio nun tren ferroviario con combustíbel diésel”.

Crimea, unha importante base naval rusa desde o século XVIII, é un dos puntos quentes do conflito que este país mantén con Ucraína. A este respecto, as fontes do Goberno do ruso destacan que “o paso dos navíos no estreito de Kerch non foi bloqueado debido ao incidente na ponte”.

Crimea “é só o comezo”

A versión ofrecida desde o Executivo ucraíno presenta notábeis diferencias. Neste sentido, o asesor do xefe da Oficina presidencial ucraína, Mijaíl Podoliak, afirma nas súas redes sociais que a explosión desta madrugada maña de sábado na ponte de Crimea “é só o comezo”.

Podoliak ven de escribir tras a explosión “Crimea, a ponte, o comezo. Todo o ilegal debe ser destruído, todo o roubado debe ser devolto a Ucraína, todo o ocupado por Rusia debe ser expulsado”.

O Ministerio de Defensa de Ucraína acaba de manifestarse nunha dirección análoga na súa conta oficial de twitter asegurando que "o cruceiro de mísiles guiados Moscova e a ponte Kerch, dous símbolos notorios do poder ruso na Crimea ucraína, afundíronse. Que vai ser o seguinte?”.

Os militares ucraínos continúan indicando que “esta mañá na ponte de Crimea. Os tanques de combustíbel están en chamas. Parte da estrada foi destruída. Todo será Ucraína”.

A falla de coñecer a versión definitiva dos feitos este incidente pode provocar unha nova escalada no conflito. A este respecto, as autoridades civís e militares rusas teñen significado en diversas ocasións que un ataque á ponte por parte de Ucraína “sería unha liña vermella”.

A ponte sobre estreito de Kerch está considerada como a máis longa de Europa. Os tramos automobilísticos da mesma foron abertos ao tráfico en maio de 2018 e os ferroviario a fins de 2019.  

Comentarios