O Exército afgán sofre a semana máis letal en 19 anos de conflito

Persoas desprazadas polo conflito armado afgán en Kabul (Europa Press)
Para os talibáns, "a publicación de tales informes por parte do inimigo busca danar, crear obstáculos e atrasar o proceso de paz", afirmou o portavoz insurxente, Zabihullah Mujahid.

O Goberno do Afganistán informou onte de que a semana pasada fora a máis mortífera para as súas forzas de seguridade en 19 anos de conflito. Os ataques talibáns deixaron 291 falecidos e 550 feridos. Segundo indicou o Consello de Seguridade Nacional, Javid Faisal, os ataques deixaron ademais 42 civís mortos e 106 feridos, segundo os datos gobernamentais recollidos por axencias internacionais.

Non obstante, o grupo insurxente négao, nun momento en que ambas as partes se preparan para o inicio do diálogo intra-afgán por primeira vez en case dúas décadas. Ambas as partes están de acordo en que as conversas se desenvolvan en Catar, onde en febreiro pasado os taibáns xa chegaron a un pacto cos Estados Unidos para a retirada das súas tropas e as dos seus aliados en 14 meses.

"Estamos sorprendidos. En lugar de ser esta a semana da paz, en que [os talibán] deberían traballar pola paz, en cambio, non deron ningún paso cara á paz, senón que aumentaron a guerra a un nivel sen precedentes nos últimos 19 anos", criticou Faisal.

"O compromiso dos talibán por reducir a violencia está baleiro de significado e as accións deles son incoherentes coa súa retórica de paz", agregou.

"Cifras falsas"

Para os talibáns, "a publicación de tales informes por parte do inimigo busca danar, crear obstáculos e atrasar o proceso de paz", afirmou o portavoz insurxente, Zabihullah Mujahid, que cualificou os datos de "falsos".

"Nunca publicaron a cifra real de vítimas nos últimos 19 anos, mais agora aumentan de 50 a 500 para crear obstáculos. Esa cantidade de ataques non se levaron a cabo na última semana. Houbo ataques, mais foron actos defensivos", asegurou.

O Goberno tamén asegura manter unha "posición defensiva" desde a tregua que mantiveron ambas as partes entre o 24 e o 27 de maio, coincidindo cos festexos polo final do mes sagrado musulmán do Ramadán e co obxectivo de facilitar as negociacións intra-afgás.