A ex deputada da CUP Anna Gabriel preséntase no Tribunal Supremo após 4 anos exiliada en Suíza

O maxistrado instrutor citouna para declarar en novos interrogatorios.
A ex deputada da CUP Anna Gabriel, en 2018. (Foto: Europa Press)
photo_camera A ex deputada da CUP Anna Gabriel, en 2018. (Foto: Europa Press)

O Tribunal Supremo (TS) informou esta terza feira da comparecencia voluntaria da ex deputada da CUP Anna Gabriel, que permanecía exiliada en Suíza desde mediados de 2018, cando o maxistrado Pablo Llarena decidiu procesala por desobediencia, no marco da súa participación no procés soberanista.

Gabriel, ao igual que a antiga secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, fuxiu do Estado español para evitar sentar nos bancos da xustiza española.

Agora, a antiga deputada no Parlament de Catalunya optou por acudir ás dependencias xudiciais do alto tribunal co obxectivo de regularizar a súa situación procesual. Após tomarlle declaración, o maxistrado instrutor do TS volveuna citar para novos interrogatorios e deixouna en liberdade.

Polo de agora, permanecerá residindo en Suíza xa que, segundo a propia Gabriel, aínda conta con diversas responsabilidades políticas e persoais adquiridas durante os seus catro anos e medio de estancia en Xenebra.

Valoración de Anna Gabriel

Nun comunicado remitido aos medios polo grupo de apoio á ex deputada, Anna Gabriel explicou que, "despois de catro anos e medio de exilio, hoxe prodúcese un paso procesual necesario para recuperar unha liberdade de movementos que nunca quixen perder, nin eu nin ninguén".

Sobre a ex representante da CUP non pesaba ningunha euroorde de extradición, xa que o delito do que fora procesada non conlevaba penas de cárcere. Porén, si que se enfrontaba a unha petición estatal de detención no caso de volver ao Estado español, co obxectivo de que continuase o procedemento xudicial contra ela.

"Xa haberá tempo para poder falar tranquilamente de todo, para realizar unha valoración política, tanto en chave colectiva como individual. Os meus compromisos políticos e sociais permanecen onde estaban, co meu pobo, coas súas xentes, e moi especialmente, co conxunto de persoas represaliadas", concluíu.

Comentarios