Albert Botran

"A presenza de Anna Gabriel en Suíza supón poñer un novo reto ao Estado español"

Ex deputado da CUP e unha das voces referentes do independentismo catalán, Botrán estivo estes días na Galiza –da man de Mar de Lumes- para explicar de primeira man que é o que está a acontecer en Catalunya. Fai memoria e lembra as súas recentes visitas: “catro veces en dous anos”. Botrán defende a forza social do independentismo a pesar da carta represiva xogada polo Estado e insiste nunha idea: "“Cada vez que hai espazo para o debate, o independentismo avanza”. Vídeo no interior.

 A Coruña, Ourense e Santiago foron as prazas onde desta volta interveu Albert Botrán. O ex deputado da CUP e un dos dirixentes de Poble Lliure [unha das organizacións basilares da Candidatura d'Unitat Popular] estivo no país da man da organización Mar de Lumes, para falar explicar o proceso que se vive en Catalunya desde hai uns anos.

“Estamos nun momento de incerteza”, sinalou durante un encontro cos medios de comunicación. A carta da “represión” xogada polo Estado español condiciona: “Non pode haber un debate libre e honesto, minimamente democrático”, aponta, porque as consecuencias de actos políticos pode ser directamente a prisión. “É tal o clima que o feito de admitir a trámite unha emenda pode ser constitutiva de delito”, sinala en referencia á presentada pola CUP no Parlament sobre a independencia.

Botrán, porén, refuga de pesimismos ou derrotismos. A pesar da represión xudicial e da criminalización mediática, “hai unha forza popular a favor da República catalá que permanece”.  

“Os resultados do 21D racharon os prognósticos do Estado, non foron os que agardaban”

Unha forza que se amosou nas eleccións do 21 de decembro, “os resultados racharon os prognósticos do Estado, non foron os que agardaban”, e que o independentismo debe saber “poñer en valor”.

Poñer novos retos ao Estado español

Botrán tamén falou da súa compañeira na CUP, Anna Gabriel, exiliada en Suíza. “Perante a ofensiva xudicial nós apostamos na defensa política do que se fixo e do que se quere facer”. Esa estratexia mantéñena a “nivel interno”, como cando Mireia Boya compareceu perante o Tribunal Supremo e defendeu o referendo e a declaración de independencia, como a “nivele externo”.

“A presenza de Anna [Gabriel] en Suíza contribúe á causa de Catalunya e doutros pobos do Estado”

Así, que Gabriel estea en Suíza supón “poñer un novo reto ao Estado español, xa non é só Bélxica, agora tamén Suíza” os estados que non recoñecen delitos que imputa a xustiza española. “A presenza de Ana alí contribúe á causa de Catalunya e doutros pobos do Estado”, salienta, “denunciando que España non respecta dereitos, que suspende dereitos, evidenciando que o estado español cada vez se parece máis a Turquía que a unha democracia avanzada”.

Avanzo

Non cre Botrán que o apoio ao independentismo estea estancado ou tocase teito. “Cada vez que vai ás urnas, avanza”. Así, lembra que o 9 de novembro de 2014 votaron 1.800.000 persoas, nas eleccións do 27S (2015), 1.900.000. O 1 de outubro votaron máis de dous millóns de persoas e o apoio aos independentistas nos comicios do 21 de decembro volveu subir. “Cada vez que hai espazo para debater, para decidir, o independentismo avanza”, reflexiona. Algo do que o Estado español é consciente, afirma, de aí que aposte en afogar ese tipo de espazos ao tempo que en “criminalizar o independentismo e intentar dividir a sociedade catalá”.

Comentarios