Anna Gabriel obtén un permiso de residencia en Suíza para os próximos 5 anos

A política da CUP vai cursar un doutorado na Universidade de Xenebra.

Parlament Catalunya Cup Anna Gabriel
Anna Gabriel no Parlament de Catalunya.

Maribel Sabaté, nai de Anna Gabriel, informaba esta sexta feira no programa El Mon de RAC1 que a súa filla conseguira o permiso de residencia na Suíza por cinco anos. Grazas a este documento, que recibiu a pasada semana, Gabriel terá "a tranquilidade de poder optar a postos de traballo ou apresentarse a convocatorias ás que até agora lle era máis difícil acceder", sinalaba Sabaté.

Segundo contaba a súa nai, a política independentista "non parou quieta" desde que se exiliou en Suíza no pasado mes de febreiro, senón que dedicou o seu tempo a "colaboracións con entidades e cursos de inglés". A isto engadiráselle axiña "un doutorado na Universidade de Xenebra".

Rememorando o día que Anna Gabriel tivo que marchar do Estado español, Maribel Sabaté contaba que a súa filla lle dixera que non quería "pasar nin un día da miña vida nunha prisión cunhas reliquias franquistas que te queren humillar, que te queren facer dicir o que non sentes, non quero pasar por ese trance". Por último, a nai de Anna Gabriel transmitía o agradecemento da ex deputada das CUP á súa vila Sallent, por todo o apoio que recibiu nunha loita na que afirma que continuará.

Comentarios