Os Estados Unidos insisten en que imporán á OTAN a suba do gasto militar a 5% do PIB

Pete Hegseth, secretario de Defensa dos Estados Unidos, e Mark Rutte, secretario xeral da OTAN, o 5 de xuño de 2025 en Bruxelas (Bélxica). (Foto: NATO / DPA vía Europa Press)
Ningún membro da alianza militar chega na actualidade á cifra exixida por Washington.

O secretario de Defensa dos Estados Unidos, Pete Hegseth, volveu deixar claro a quinta feira quen controla a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), ao ratificar que “a razón pola que estou aquí é para asegurarme de que todos os países da OTAN entenden que todos deben pórse mans á obra, todos os países teñen que contribuír a ese nivel de 5% [de produto interior bruto, PIB, dedicado a gasto militar] como recoñecemento da natureza da ameaza”.

As declaracións producíronse despois de que membros da alianza militar como Italia ou o Estado español amosaran reticencias a esa cifra de gasto militar, exixida directamente polo presidente estadounidense, Donald Trump.

A eles tamén fixo referencia a véspera o embaixador de Washington perante a OTAN, Matthew Whitaker, que incidiu en que “isto non é unha suxestión, é un punto de partida”, algo que, reiterou, afecta a todos os membros, “incluídos os nosos amigos de España”.

Tampouco está claro a que ameaza se refería Hegseth, posto que para o país americano o seu principal rival declarado é a China, mentres que para os membros europeos da OTAN, e para os textos da entidade, este papel é de Rusia, coa que Washington insiste en fechar un acordo de paz que poña fin á guerra en Ucraína, o que faría desaparecer o principal motivo  público de confrontación con este grupo, a maioría del integrado tamén na Unión Europea (UE).

A viraxe do país cara ao Indo-Pacífico, en dirección a onde aspira a “facer unha transición adecuada” e conter Beijing, o que demanda retirar forzas dos membros no continente europeo, tamén foi aludida polo secretario, que lles trasladou que “hai que lograr a paz a través da forza, pero non pode ser dependencia, non pode ser e non será dependencia dos Estados Unidos”.

Neste contexto, Washington rexeitou calquera concesión no tocante ao novo obxectivo de gasto militar, que agora está fixado en 2% do PIB, díxito ao que non chegaron en 2024 10 dos 32 membros, a pesar de que nese exercicio expiraba o prazo para alcanzalo, pactado en 2014.

O secretario xeral da alianza militar, Mark Rutte, tratou primeiro de buscar un punto medio, que se estimaba en 3,5% do PIB, mais Washington fechou a porta a esta posibilidade, e a última proposta do ex primeiro ministro neerlandés implica chegar a 5% en 2032, 3,5% directamente para o ámbito bélico e 1,5% nas infraestruturas necesarias, como aeródromos, pontes, estradas e portos que permitan unha despregadura rápida.

Dobre xogo con Ucraína

Rutte, que participou con Hegseth na rolda de prensa, agradeceu a iniciativa estadounidense para acabar coa guerra en Ucraína e rachar o “punto morto”, a pesar de ser até hai uns meses un dos principais defensores da postura marcada polo predecesor de Trump, Joe Biden, e que mantén a UE, de impedir calquera saída negociada, continuar armando Ucraína e sancionando Rusia.

En todo caso, a segunda premisa séguese a cumprir, pois a Casa Branca, en paralelo ás demandas de que Kíiv e Moscova senten na mesa de negociación, prosegue co envío de armas ao Exército ucraíno, co que colabora a nivel de Intelixencia, o que foi determinante no ataque ucraíno a bases militares rusas apenas un día antes da reunión entre as partes a comezos desta semana en Istambul, a cidade máis grande de Turquía.

Neste dobre xogo, o enviado especial de Washington para Ucraína, Keith Kellogg, subliñou en referencia á afirmación do presidente ruso, Vladimir Putin, de que a guerra en Ucraína tamén é unha guerra por delegación da OTAN, que “francamente, en certo modo, o é”, após aseverar que a petición rusa de que a alianza militar se comprometa a frear a expansión cara ao leste, unha das condicións para acabar co conflito, é unha “preocupación xusta”.

Tras a rolda de prensa comezou unha reunión dos ministros de Defensa da OTAN en Bruxelas (Bélxica), orientada a aprobar uns novos obxectivos de compra de armas e material militar, con metas a cumprir nun prazo de cinco a 10 anos en cada un dos membros, para que adquiran sistemas de defensa aérea, mísiles de longo alcance, artillaría, municións e drones, sen que se ofreceran máis detalles ao respecto.

Rutte tratou de xustificar que o 5% marcado por Washington responde ás necesidades debatidas a quinta feira, logo de que organizacións pacifistas definiran a porcentaxe como arbitraria e decidida sobre todo polos ingresos das multinacionais armamentísticas privadas.

Xa dentro da OTAN, o Estado español cuestionou con énfase o número, destacando que se trata dunha proposta política e non dun cálculo rigoroso, e a titular de Defensa, Margarita Robles, subliñou a quinta feira que “cremos que este 2% é suficiente para cumprir coas responsabilidades ás que nos comprometemos”, mais matizou que non impedirán que a alianza militar fixe un obxectivo de gasto máis alto, que se formalizará na cimeira anual da OTAN na Haia (Países Baixos) o 24 e 25 de xuño.

Diplomáticos citados pola axencia Reuters admitiron que os “aliados europeos entenden que aumentar o gasto de Defensa é o prezo de asegurar o continuo compromiso dos Estados Unidos coa seguridade do continente”, e permite ao tempo que “Trump poida declarar unha vitoria”.

Washington, beneficiado polas compras de armas

En última instancia, Washington será ademais o principal beneficiado pola alza do gasto militar, como amosan os datos do Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (Sipri).

Entre 2020 e 2024, 64% das importacións de armas dos membros europeos da OTAN procederon dos Estados Unidos, un auxe de 105% en relación ao período 2015-2019.

De feito, o país norteamericano está detrás de 43% das exportacións globais de armamento, 35% das que van dirixidas a Europa, que superou por primeira vez en dúas décadas a rexión de Asia Occidental (33%) como principal receptor.

O certo é que vai en aumento a presión de Washington para dobregar os seus aliados nos aspectos que lle interesan, “desencadeando un novo nivel de interferencia global non visto por parte dos Estados Unidos desde o final da Guerra Fría”, alertou Peter Hartcher, editor de Internacional de The Sydney Morning Herald, despois de que o Departamento de Estado anunciara que prohibiría viaxar a persoas estranxeiras que censuren “a liberdade de expresión”, o que Hartcher interpreta como castigar funcionarios de calquera país cuxa regulación impida a “unha corporación estadounidense facer o que queira”.