A OTAN sinala Rusia como ameaza "máis directa e significativa"

A organización atlantista cambia de postura despois de resaltar en 2010 a importancia de "crear un espazo común de paz, estabilidade e seguridade" con Rusia.
O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg. (Foto: Europa Press)

O novo Concepto Estratéxico da OTAN redactado esta cuarta feira polos países da organización atlantista afástase da "cooperación" impulsada en anos anteriores e fixa Rusia como a ameaza "máis directa e significativa" para a "seguridade, a paz e a estabilidade euroatlántica".

Así, os líderes da Alianza acusan Moscova de querer "estabelecer esferas de influencia e un control directo a través da coerción, subversión, agresión e anexión" de territorios.

O escrito asegura que as autoridades rusas utilizan "medios convencionais, cibernéticos e híbridos contra a OTAN e os seus aliados". "A súa postura militar e a súa retórica socavan a orde internacional", puntualiza a organización militarista, que sinala Rusia por "tratar de desestabilizar países ao leste e ao sur" da OTAN.

"No norte, a súa capacidade para quebrantar a liberdade de navegación dos aliados no Atlántico supón un desafío estratéxico para a Alianza. O aumento militar de Rusia na zona, incluído o mar Báltico, o mar Negro e a rexión do Mediterráneo, así como a súa integración con Bielorrusia, pon en risco a nosa seguridade e os nosos intereses", sostén.

Non descarta un ataque

Neste sentido, o novo marco estratéxico da OTAN sinala que os países da Alianza "non están en paz" e "non se pode descartar un ataque contra a soberanía e a integridade dos territorios aliados". "Os actores autoritarios poñen en perigo os nosos intereses e valores", engade.

Esta nova estratexia marca un antes e despois para a OTAN, que no seu Concepto Estratéxico anterior, adoptado en 2010 en Lisboa, resaltaba a "importancia" da cooperación con Rusia, unha cuestión que contribuía a "crear un espazo común de paz, estabilidade e seguridade". Nel, a Alianza reafirmaba non ser unha ameaza para o país e facía fincapé na importancia de construír unha "alianza estratéxica de reciprocidade" con Moscova.

Agora, en plena guerra de Ucraína, a OTAN insiste en que "non busca confrontación algunha" e incide en que segue sen supoñer unha "ameaza para Rusia". Con todo, asevera que "seguirá respondendo ás ameazas de Rusia e ás accións hostís dunha forma responsábel".

"Imos fortalecer as medidas de disuasión e de defensa de todos os aliados e a aumentar a resiliencia ante a coacción rusa", continúa o texto, no que os membros da OTAN recalcan que "á luz das políticas hostís de Rusia e as súas accións, non podemos consideralo o noso socio".

Aínda así, a organización atlantista traslada que está disposta a manter as canles de comunicación abertas con Moscova para "xestionar e mitigar os riscos e evitar unha escalada de tensión a medida que favorece a transparencia". "Calquera cambio na nosa relación depende de Rusia e do seu comportamento agresivo contra o Dereito Internacional", conclúe.

Comentarios