O escritor Salman Rushdie sobrevive con respiración asistida a un ataque en Nova York

O escritor Salman Rushdie, atacado na sexta feira por un mozo durante unha conferencia no noroeste do Estado de Nova York, sobrevive con respiración asistida, explicou o seu axente, Andrew Wylie.

O escritor Salman Rushdie.
photo_camera O escritor Salman Rushdie.

Nunha mensaxe ao diario The New York Times, Wylie puxo de manifesto que "non hai boas noticias, Salman perderá probabelmente un ollo e ten cortados os nervios dun brazo, e o fígado tamén foi apuñalado e está danado". Explicou que sobrevive con respiración asistida.

Pouco antes destas declaracións, a Policía do Estado de Nova York revelou que o escritor fora ingresado no Hospital Eire, en Pensilvania, onde Rushdie "seguía no quirófano" seis horas despois do ataque, o que dá idea da gravidade do seu estado.

O agresor, que foi detido, é un mozo de 24 anos, Hadi Matar, e residente en Nova Jersey. Polo momento, aínda non revelou os motivos do seu ataque, que se produciu ás 11 da mañá (hora local) cando Rushdie ía a participar nunha conferencia sobre as cidades refuxio.

Desde 1989 pendía sobre o escritor indio unha condena á morte, cando o aiatolá Jomeini do Irán pronunciou unha fatua para condenar a publicación do seu libro Versos Satánicos, considerado blasfemo polas súas críticas ao islam.

O Goberno dos Estados Unidos cualificou de reprensíbel o ataque contra o escritor. "O país e o mundo foron testemuñas hoxe dun ataque reprensíbel contra o escritor Salman Rushdie. Este acto de violencia é horroroso. Todos nós na Administración Biden-Harris rezamos para que se recupere pronto", indicou nun comunicado o asesor de seguridade nacional da Casa Branca, Jake Sullivan.

A agresión provocou unha vaga de solidariedade con Rushdie. A asociación de escritoras e escritores PEN Internacional, da cal o escritor indio fora presidente, publicou un comunicado en rexeitamento ao ataque e no que desexa unha pronta recuperación a Rushdie.

Comentarios