Resaca electoral

Escocia manterá o plan de ruta, insiste Sturgeon

"Escocia non pode estar encarcerada no Reino Unido en contra da súa vontade", declarou a líder do SNP e primeira ministra escocesa.

Sería unha "perversión" da democracia se Boris Johnson nega a convocatoria do indyref2 e deixa Escocia "encarcerada"na Unión, sinalou Nicola Sturgeon, líder do SNP (o Partido Nacional Escocés) e primeira ministra de Escocia, na súa primeira entrevista despois dos comicios a Westminster do 12-D.

O SNP conseguiu unha contundente vitoria na eleccións xerais británicas da pasada quinta feira, atinxindo 47 dos 59 asentos en xogo en Escocia con 45% do voto. Sturgeon, entrevistada pola BBC, asegurou que continuará a "implementar o plan que me levou a gañar".

A líder escocesa mantivo unha conversa telefónica co primeiro ministro británico ao día seguinte das eleccións. Segundo asegurou na entrevista, este "mantivo a súa oposición a un novo referendo de independencia".

Democracia "pervertida"

"É unha auténtica subversión da democracia que esteas a falar coa líder do partido que logrou unha vitoria avasaladora, e que o mandato que nos levou a gañar non sexa honrado polo partido que foi derrotado con rotundidade en Escocia... É simplemente unha perversión e unha subversión da democracia, unha actitude que non se sostén", manifestou Sturgeon.

Así é que, ante esta situación, a primeira ministra escocesa confirmou que "esta semana" exporá "polo miúdo" a petición "democrática" da transferencia de competencias ao Parlamento escocés para poder convocar un segundo referendo.

"Se pensa que dicindo non ─e así llo comuniquei por teléfono na noite da sexta feira─  o asunto se acaba vai descubrir que está completamente errado", engadiu ao respecto da actitude de Boris Johnson.

"Recluída no Reino Unido"

"É unha cuestión básica de democracia: non se pode manter Escocia na Unión en contra da súa vontade. Non se nos pode encerrar nun armario, fechar con chave e agardar que todo pase", engadiu, e argumentou que "se o Reino Unido vai seguir existindo, tan só pode ser de maneira consentida, e se Boris Johnson cre na Unión debería ter a suficiente confianza para permitir que a xente decida". Unha situación que, considera, acabarase dando pola forza dos feitos. 

Por último, Sturgeon declarou: "Escocia non pode estar encarcerada no Reino Unido en contra da súa vontade".

Comentarios