Eleccións estatais en xullo? Estes son os escenarios abertos no Estado español

Pedro Sánchez (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que na cuarta feira anunciou que abre unha reflexión para decidir se continúa á fronte do Executivo, non pode disolver as Cortes antes do 30 maio, transcorrido un ano da anterior disolución.

Aínda que non pode disolver as Cortes antes do 30 de maio, Pedro Sánchez si ten na súa man someterse a unha cuestión de confianza no Congreso, o que non require maioría absoluta.

Outra opción sería ceder a Presidencia a outro socialista, pero iso implicaría un novo proceso de consultas do Rei español e organizar outra investidura que, co mapa político actual, esixiría moitos acordos.

A decisión de Sánchez de parar a súa axenda pública e decidir a súa continuidade ou non no Goberno español abriu un abano de posibilidades.

Eleccións en xullo

Unha primeira opción sería manterse na Presidencia para disolver as Cortes e convocar eleccións, pero o artigo 115.3 da Constitución española non permite pór fin á lexislatura antes de que pase un ano desde a anterior disolución, que foi o 29 de maio de 2023, tras os resultados das eleccións municipais e no groso das comunidades autónomas do Estado español.

Por tanto, e aínda que a súa idea fose disolver as Cortes, non podería facelo antes do 30 de maio e iso levaría a convocar eleccións outra vez para xullo, pero esta vez a finais: o primeiro domingo posíbel sería o 28 de xullo.

E todo iso cando xa hai un horizonte electoral no calendario: 12 de maio eleccións catalás e 9 de xuño os comicios ao Parlamento Europeo.

Neste escenario habería opción de aprobar definitivamente a Lei de Amnistía que o PSOE pactou con Junts e ERC e que actualmente está bloqueada no Senado.

Deixar paso a outra persoa

Sánchez podería dimitir para dar paso a que outra persoa se someta a unha sesión de investidura. Pero esa candidatura non sería decisión súa, senón do Xefe do Estado, que tería que abrir unha nova rolda de consultas e propoñer a quen vise con máis apoios, mentres o resto do Goberno seguiría en funcións.

Precisamente, tras as eleccións estatais, Felipe VI optara por pór Alberto Núñez Feixoo, candidato do PP, á fronte do Goberno español, mais o ex presidente da Xunta da Galiza non conseguira reunir o apoio necesario.

Cuestión de confianza

Hai unha terceira opción: someterse á cuestión de confianza, un procedemento regulado no artigo 112 da Constitución, que estabelece que o presidente, previa deliberación do Consello de Ministras e Ministros, pode expor ante o Congreso a cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración de política xeral.

Segundo o Regulamento do Congreso, a cuestión de confianza ten que presentarse mediante un escrito motivado ante a Mesa do Congreso e, unha vez que se admita, deberá convocarse o Pleno para o seu debate, que é similar a unha investidura.

Neste caso, a confianza entenderase outorgada cando obteña o voto da maioría simple das deputadas e deputados, é dicir máis sis que nons. Por tanto, bastaríalle con chegar aos 172 votos para superar a suma de PP, Vox e UPN, e non precisaría do voto a favor de Junts, pois chegaríalle coa abstención.

Se for derrotado no Congreso, produciríase a dimisión e habería que volver ao escenario da rolda de consultas do Rei para unha nova investidura.