Detidos militares portugueses por tráfico de drogas, diamantes e ouro

As Forzas Armadas foron informadas desta situación en 2019, o que motivou unha investigación que relata como mandos militares aproveitaron a presenza de Portugal en misións da ONU para traficar e branquear o diñeiro resultante do crime.
Militares portugueses na República Centroafricana. (Foto: Forças Armadas Portuguesas)
photo_camera Militares portugueses na República Centroafricana. (Foto: Forças Armadas Portuguesas)

Cen ordes de busca e dez de detención foron emitidas esta segunda feira pola Policía Xudicial de Portugal en contra dun grupo de militares e varios axentes da policía pola creación dunha rede de tráfico de drogas, ouro e diamantes.

Como parte da denominada operación Miríade, producíronse rexistros nas rexións de Lisboa, Funchal, Bragança, Porto de Mós, Entroncamento, Setúbal, Beja e Faro. Tamén foi inspeccionado o rexemento de mando no cuartel da Carregueira, no concello de Sintra, un dos principais obxectivos do persoal de investigación.

Entre os sospeitosos detidos hai mandos militares en activo e retirados, así como axentes da Garda Nacional Republicana e da Policía de Seguridade Pública, informou TV1.

Misións da ONU

Os imputados aproveitaban a presenza de Portugal nas misións da Organización das Nacións Unidas (ONU), particularmente na República Centroafricana, para transportar droga, ouro e diamantes do país -que se atopa no medio dunha guerra interna- en avións militares cara a Europa, aproveitándose de que non son rexistrados.

A investigación da Policía Xudicial desvela que, no caso dos diamantes, eran transportados por vía terrestre a Anveres e Bruxelas, en Bélxica, onde procedían a vendelos. Para branquear as ganancias do crime mercaban criptomoedas e utilizaban homes de palla que chegaban a cobrar o 50% do valor para ocultar os movementos financeiros.

O xornal Público informa de que as Forzas Armadas coñecían a situación desde decembro de 2019, como confirmou o Estado Maior Xeral, e que, tras comunicarlla ao Ministerio Público, deron comezo ás indagacións do Departamento de Investigación e Acción Penal de Lisboa, que impulsou as detencións xunta a Unidade Nacional de Combate á Corrupción da Policía Xudicial e o xuíz Carlos Alexandre.

Neste intre, hai 25 soldados de Portugal na República Centroafricana como parte do programa de adestramento da Unión Europea, e outros 180 dentro da misión da ONU.

O secretario de Estado adxunto e da Defensa Nacional, Jorge Seguro Sanches, asegurou que “o que observamos son as institucións a funcionar, a esclarecer aquilo que ten que esclarecer e a actuar nesta situación”.

Comentarios