O presidente de Portugal decide disolver o Parlamento e convoca eleccións anticipadas

O Consello de Estado portugués considera que un novo proceso electoral é o mal menor despois do rexeite parlamentar aos Orzamentos do Estado.
O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA Wire / dpa)
photo_camera O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA Wire / dpa)

O Consello de Estado de Portugal, reunido esta cuarta feira entre as 15.15 e as 20.30, aceptou por maioría a proposta do presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, de disolver o Parlamento e proceder a convocar eleccións.

Os comicios desenvolveranse o vindeiro 30 de xaneiro, segundo comunicou esta quinta feira o presidente nunha intervención pública.

O diario Expresso adiantou que no Consello de Estado só se rexistraron dous votos en contra de dar por rematada a lexislatura, o de Francisco Louça, do Bloco de Esquerda, e o de Domingos Abrantes, do Partido Comunista.

O 59% da poboación considera correcta a decisión de Rebelo de Sousa, aínda que o 54% apunta que o anticipo electoral non é bo para o país, recolle unha enquisa conxunta da radio TSF, Diário de Notícias e Jornal de Notícias. Amais, no inquérito, o gobernante Partido Socialista (PS) aparece como o maior responsábel de chegar a esta situación, co 28%.

Na reunión previa á disolución do Parlamento, a meirande parte dos integrantes do Consello valorou a convocatoria como o mal menor tras o rexeite aos Orzamentos do Estado o pasado 27 de outubro, no que só o PS votou a favor das contas.

Os votos en contra da esquerda (Bloco de Esquerda, Partido Comunista Português e Partido Ecologista Os Verdes), e da dereita (Partido Social Demócrata, CDS-Partido Popular, Chega e Iniciativa Liberal) tombaron a proposta feita polo primeiro ministro António Costa.

Para as forzas de esquerda, que deron apoio parlamentar ao PS desde 2015, nun pacto denominado geringonça, esta clase de acordo está liquidado, após Costa telo ultimado ao presentar uns orzamentos que non respondían as necesidades máis urxentes da poboación portuguesa para buscar unhas eleccións “na súa obsesión pola maioría absoluta”, incidiu a voceira do Bloco de Esquerdas Catarina Martins.

Pola súa banda, o secretario xeral das e dos comunistas, Jerónimo de Sousa, transmitiu despois de facerse pública a determinación do presidente que a geringonça foi “unha fase” que “non se repetirá tal cal”, asegurou.

O previsíbel final adiantado do Goberno estaba asumido no seo do PS, que un día despois de perder a votación sobre os orzamentos xa comezou a dar luz verde a unha serie de proxectos antes de entrar no período de traballo en funcións, entre eles 14 concesións mineiras, incluíndo unha de litio e outra de volframio, reportou o xornal Público. 

Enquisas

Con respecto á intención da forza gobernante de buscar a maioría absoluta, para o que precisaría pasar cando menos dos 108 escanos aos 116, até o de agora poucas enquisas revelaban que esa posibilidade fora real. Porén, os estudos demoscópicos de Pitagórica e Eurosondagem, publicados despois do rexeite aos orzamentos, sosteñen que Costa tería -por pouco marxe- o seu obxectivo a man, mentres que traballos como o de Intercampus prevén que se manteña no 36% do voto, co cal precisaría o apoio doutras forzas.

No que coinciden todas as enquisas é no incremento de sufraxios de Chega, un partido de extrema dereita, que se convertería na terceira forza do Parlamento, relegando a Bloco de Esquerda e Partido Comunista á cuarta e quinta posición.

Rui Rio manobra para ser candidato do PSD nos comicios

O proceso electoral colle a pé cambiado a principal forza da oposición lusa, o conservador Partido Social Demócrata (PSD), que se atopa no medio da campaña de elección do candidato.

Neste sentido, desde a dereita vénse reclamando que a data das lexislativas se adíe até que remate o proceso. Malia que as eleccións internas están programadas o 4 de decembro, cunha segunda volta se fixera falla o 11 de decembro, o líder do partido e precandidato, Rui Rio, defendeu que as lexislativas se desenvolvan a mediados de xaneiro, o que impediría as primarias e lle permitiría ser o candidato sen que a militancia tivera que votar.

Esta foi a estratexia seguida a semana pasada por Francisco Rodrigues dos Santos, do CDS-PP, que forzou no Consello Nacional da formación o cambio de data do congreso para despois das eleccións nacionais.

Comentarios