xoves 24/09/20

Detidos activistas LGTB en Polonia antes da toma de posesión de Duda

Poderían ser condenados en Polonia a multas ou mesmo penas de prisión por despregar bandeiras coas cores do arco da vella, símbolo do movemento do orgullo gay, sobre cinco monumentos.
Unha imaxe do Cristo ataviado coa bandeira gay e unha máscara, en Varsovia (Twitter)
Unha imaxe do Cristo ataviado coa bandeira gay e unha máscara, en Varsovia (Twitter)

Tres activistas LGTB poderían ser condenados en Polonia a multas ou mesmo penas de prisión por despregar bandeiras coas cores do arco da vella, símbolo do movemento do orgullo gay, sobre cinco monumentos, entre este unha estatua de Cristo fronte a unha igrexa católica de Varsovia, a capital do país.

Na cuarta feira, dúas mulleres e un home foron detidos pola Policía acusados de "profanación", segundo o portavoz policial Sylwester Marczak, citado pola axencia de noticias PAP. Segundo os medios locais, os tres son activistas LGTB.

"Como axentes da Policía, levamos a cabo un proceso xudicial non porque alguén colgase unha bandeira, mais porque ao facelo ofendeu os sentimentos relixiosos e profanou en particular o monumento do Cristo".

As detencións producíronse un día antes de, nesta quinta feira, 6 de agosto, Andrzej Duda tomar posesión como presidente de Polonia para un segundo mandato. "Xuro solemnemente seguir fielmente as provisións constitucionais e preservar firmemente a dignidade da nación, a independencia e a seguridade do Estado e o benestar da patria e dos seus cidadáns", declarou.

Duda aproveitou o discurso inaugural para reivindicar a lexitimidade da súa vitoria contra o candidato opositor, Rafal Trzaskowski, con 51% fronte a 48% dos votos, nas eleccións organizadas o 12 de xullo.

Reclamacións electorais

A comezos desta semana, o Tribunal Supremo deu o visto bo a un segundo mandato de Duda tras desbotar as perto de 6.000 queixas por supostas irregularidades acontecidas durante os comicios presidenciais.

"Os polacos teñen o dereito a dicir quen é o seu presidente e xa o decidiron", afirmou Duda, ao tempo tendeu man a Trzaskowski. Ademais, avanzou que no novo período dedicarase plenamente a Polonia. "Para min, o máis importante son os asuntos polacos, que é o que nos preocupa a todos, a todo o país, así que ─como prometín─ serei o presidente dos asuntos polacos", aseverou facendo uso do seu slogan de campaña.

A cerimonia de investidura levouse a cabo no Parlamento, como é habitual, mais con menor afluencia debido ás medidas preventivas contra a Covid-19.Entre os asistentes estaban os deputados da plataforma opositora Coalición Cívica, que repartiron copias da Constitución en sinal de protesta polo que consideran unha elección fraudulenta.

O presidente Andrzej Duda é aliado de Lei e Xustiza, o partido conservador populista e contrario á ideoloxía LGTB no Goberno do país desde 2015.

comentarios