Despois da dimisión do mandatario Vietnam designa presidenta interina

Campaña anticorrupción do Partido Comunista
Vo Thi Anh Xuan, nova presidenta provisoria de Vietnam. (Foto: Executivo de Suráfrica)
photo_camera Vo Thi Anh Xuan, nova presidenta provisoria de Vietnam. (Foto: Executivo de Suráfrica)

A Asemblea Nacional de Vietnam elixiu a quinta feira a vicepresidenta Vo Thi Anh Xuan como nova presidenta en funcións do país asiático, que xa ocupara o cargo brevemente en 2023. Ao tempo, aceptou a dimisión do seu predecesor, Vo Van Thuong, que asumira o cargo hai un ano para esgotar un mandato que finaliza en 2026, e que tamén perdeu o seu escano.

Thuong renunciou após ser arrestado entre acusacións de corrupción o ex líder do gobernante Partido Comunista nunha provincia no centro do país, nuns feitos que terían acontecido cando el lideraba a formación nese territorio e que foron denunciados pola Comisión Central de Inspección, o organismo que coordina a campaña anticorrupción impulsada polo Partido.

Nguyen Xuan Phuc, elixido orixinalmente como presidente nesta lexislatura, xa dimitira en 2023 por un escándalo de subornos de altos cargos do Gabinete. A axencia AP recolle o testemuño de analistas que consideran “pouco probábel” que se seleccione a curto prazo outra persoa para asumir a Presidencia do Estado.

Comentarios