xoves 16/09/21

Dereitos LGTBI, dereitos humanos

Das "zonas libres de ideoloxía LGTBI" en Polonia, a todo o territorio da UE declarado "zona de liberdade" para a comunidade gai. O Parlamento Europeo aprobou na quinta feira unha declaración simbólica para denunciar e contrarrestar o "crecente discurso de odio das autoridades públicas". E para tamén dar apoio moral aos activistas perseguidos.  
lgtbi_zona_liberdade
Parlamentarios do Intergrupo LGTBI posan ás portas da Eurocámara, en Bruxelas, antes do debate (Foto: LGBTI Intergroup)

Na sede do primeiro ministro de Bélxica pendura unha bandeira arco iris. Alexander De Croo fíxoa colocar esta semana, mais non porque o Parlamento Europeo tivese previsto aprobar (na quinta feira, con 492 votos a favor, 141 en contra e 46 abstencións) a declaración da UE como "zona de liberdade" para a comunidade LGTBIQ en resposta ás políticas reaccionarias en países como Polonia ou Hungría

Fíxoo polo asasinato o pasado sábado de David Polfliet, un home gai de 42 anos que foi apuñalado até a morte por tres menores nun parque de Beveren, cidade ás aforas da cidade flamenga de Antwerp. Polfliet, segundo publicou De Standaard, foi enganado a través dunha aplicación de citas no teléfono móbil, Grinder. "No noso país non hai lugar para o odio. O amor gaña", escribiu De Croo no Twitter. 

Mais, a pesar das súas palabras, o odio ao diferente continúa a estar moi presente en Bélxica e no resto de Estados da UE. Desde 2019, máis de 100 municipios, provincias e rexións de Polonia declaráronse zonas "libres de ideoloxía LGTB", co apoio político local de membros do partido conservador no poder a nivel nacional, Lei e Xustiza (PiS, polas siglas en polaco). 

Dous anos de acoso

Fanse agora dous anos desde que se intensificou a campaña en Polonia contra este colectivo. O presidente do PiS e ex primeiro ministro polaco, Jaroslaw Kaczynski, manifestou en abril de 2019 que os dereitos gai eran unha "ameaza". "Ideas perigosas que veñen de fóra" e que socavan os valores tradicionais polacos. 

Poucas semanas antes o Concello de Swidnik aprobaba unha moción rexeitando "a propagación da ideoloxía LGTB" en fogares, escolas e lugares de traballo. Ducias de cidades e rexións, a maioría en áreas rurais conservadoras de Polonia, seguiron a Swidnik nos meses seguintes.

Argumentaban que era unha reacción á declaración, en febreiro, do alcalde de Varsovia, Rafal Trzaskowski, a favor da comunidade LGTBI. Esta incluía un programa educativo nas escolas coas directrices da OMS a respecto da homosexualidade (o 17 de maio de 1990 a organización internacional eliminábaa da listaxe de doenzas psiquiátricas).

Porén, esa retórica hostil do PiS interpretouse como un movemento político de cara aos comicios ao Parlamento Europeo que estaban por vir ese ano, co fin de mobilizar a súa base electoral contra "o liberalismo occidental"; unha manobra similar á despregada catro anos antes, cando o discurso se centrou en atacar os inmigrantes, explicaba Gazeta Wyborcza

A resolución ─simbólica─ aprobada na quinta feira en Bruxelas e impulsada polo Intergrupo LGTBI na Eurocámara (multipartidista, desde a dereita á esquerda do arco parlamentario) estabelece que "os dereitos LGTBI son dereitos humanos". Tamén que as resolucións nesas zonas polacas "son parte dun contexto máis amplo de aumento da discriminación e dos ataques contra a comunidade LGTBI en Polonia". E pon énfase no "crecente discurso de odio das autoridades públicas, representantes electos ─incluído o actual presidente [Andrzej Duda]─ e os medios progobernamentais", así como nas "detencións de activistas polos dereitos LGTBI". Os parlamentarios tamén a contemplan como unha firme mostra de apoio aos activistas perseguidos. 

A iniciativa contou co apoio do resto de institucións da UE. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, que no último discurso do Estado da Unión declarou que "as zonas libres de LGTB non tiñan cabida" en Europa, escribiu no Twitter: "Ser ti mesmo non é unha ideoloxía. É a túa identidade. Ninguén poderá quitarcho nunca". En 2020, a UE denegou subvención a seis cidades polacas hostís coa comunidade LGTBIQ.

Ameazas e novos vetos

Porén, Polonia non cede. Esta mesma quinta feira o Goberno anunciaba unha modificación na lei de adopción. A lexislación polaca xa prohibe ás parellas do mesmo sexo seren pais ou nais, mais de forma individual conseguían eludir o veto. Agora, mesmo como nai ou pai solteiros, os homosexuais estarán explicitamente excluídos da posibilidade de adoptar. 

E tamén na quinta feira, en declaracións á emisora de radio France Inter, o ministro francés de Asuntos Europeos, Clément Beaune, acusou as autoridades polacas de presionalo para non visitar ningunha das "zonas libres de LGTB" durante unha recente viaxe oficial ao país. En concreto, ameazouse coa cancelación das reunións ministeriais previstas. Polonia négao.

'Atlas do Odio' polaco: "zonas libres de LGTB"

A resolución do Parlamento Europeo tamén salienta as políticas contrarias aos dereitos dos homosexuais noutros países da UE como Hungría, que prohibe o recoñecemento legal do xénero ás persoas transexuais. Mais céntrase en Polonia. Alí, a declaración de "zonas libres de LGTB" durante os dous últimos anos foi seguida dunha intensa mobilización por parte de activistas locais, que a día de hoxe afrontan demandas xudiciais por parte de Gobernos locais ou organizacións ultracatólicas. O obxectivo ─tal e como menciona a resolución aprobada na Eurocámara─ é frealos por medio do alto custe que supón a defensa legal. 

Unha destas accións foi a elaboración do chamado Atlas do Odio (pódese consultar na web atlasnienawisci.pl), onde se recompilan todas as localidades que se declararon "zonas libres de LGTB" (en vermello). En verde figuran no mapa os lugares onde mocións deste tipo foron rexeitadas. E en amarelo, lugares onde grupos de presión actuaron ou están a actuar para lograren que estas zonas se acaben tornando de cor vermella. 

comentarios