A dereita de Merz gaña as eleccións en Alemaña e a extrema dereita logra un segundo posto histórico

O SPD de Olaf Scholz obtén o peor resultado da súa historia e o líder dos liberais abandona a política tras o desastre do seu partido, que queda sen representación no Bundestag.

Friedrich Merz, líder do CDU, aspira a formar un goberno sólido en Alemaña o máis axiña posíbel. (Foto: Michael Kappeler / dpa)
Friedrich Merz, líder da CDU, aspira a formar un goberno sólido en Alemaña o máis axiña posíbel. (Foto: Michael Kappeler / dpa)

A Unión Democristiá/Unión Social Cristiá (CDU/CSU) de Alemaña gañou as eleccións lexislativas decorridas este domingo ao recibir o 28,6% dos apoios, segundo os resultados preliminares publicados pola Comisión Electoral alemá tras escrutar a totalidade dos votos. En concreto, a CDU que dirixe Friedrich Merz conseguiu o 22,6%, que se suma ao 6% conquistado pola CSU bávara. En segundo lugar, atópase a formación de ultradereita, Alternativa para Alemaña (AfD), que logrou un 20,8% dos votos, no que é o seu mellor resultado histórico.

En terceiro lugar atópase o Partido Socialdemócrata (SPD) do chanceler saínte, Olaf Scholz, que obtivo un 16,4% de votos, tras unha caída de máis de nove puntos porcentuais con respecto aos comicios de 2021. Cun 11,6% cento dos votos, sitúanse en cuarto lugar Os Verdes, que pagaron a súa participación no Goberno de coalición cunha caída de máis de tres puntos porcentuais. Por detrás, A Esquerda logrou 8,8%, crecendo case catro puntos porcentuais con respecto á cita electoral de hai catro anos.

A Alianza Sahra Wagenknecht (BSW), que obtivo un 4,9% das papeletas, finalmente quedou fóra do Parlamento ao non superar 5% mínimo que estabelece a lexislación electoral alemá. O Partido Liberal Demócrata afundiuse ao caer sete puntos porcentuais e, facerse só cun 4,3%, polo que tamén queda sen representación.

De confirmarse estes resultados, o bloque CDU/CSU será a candidatura con máis representación no Parlamento alemán, con 208 asentos, seguida de AfD, con 152; SPD, con 120; Os Verdes, con 85; A Esquerda, con 64, e a Asociación de Votantes do Schleswig Meridional (SSW) cun escano. A participación situouse nun 82,5%, o que supón un aumento de máis de seis puntos porcentuais en comparación coas eleccións lexislativas de 2021.

Merz quere formar goberno rápido e sen a ultradereita

Merz, o líder da CDU, puxo en valor a "vitoria" da coalición conservadora que liderou nestas eleccións e asegurou que vai gobernar. "Imos gobernar [...]. Gañamos as eleccións federais de 2025. Nós, a CDU e a CSU (Unión Social Cristiá), a Unión, gañmos estas eleccións federais de 2025", afirmou Merz ante os seguidores da formación congregados na sede de Berlín.

Máis tarde, publicou unha mensaxe en X na que manifestou a súa intención de "materializar rapidamente a formación de goberno". "O mundo non nos espera nin esperará unhas longas conversacións e negociacións de coalición. Temos que ser capaces de actuar canto antes", argumentou. Xa na súa comparecencia nos programas televisivos da noite electoral concretou mesmo que a súa intención é ter fechado un acordo para formar goberno antes de Semana Santa.

Alice Weidel, lider de AfD, ofreceuse a formar goberno cos conservadores. (Foto: Soeren Stache / dpa)
Alice Weidel, lider de AfD, ofreceuse a formar goberno cos conservadores. (Foto: Soeren Stache / dpa)

Tamén se referiu a cuestións de política exterior e defendeu "reforzar Europa paso a paso para que poidamos lograr a independencia de Estados Unidos" porque, recoñece, o presidente estadounidense, Donald Trump, é "bastante indiferente" con respecto ao futuro de Europa e comparou a inxerencia estadounidense na campaña electoral coa campaña de Rusia.

A opción aritmeticamente máis estábel para gobernar sería a dun acordo con AfD, cuxa líder, Alice Weidel, ofreceuse xa para formar coalición. "Estamos abertos a negociacións de coalición coa CDU. De non ser así, non será posíbel un cambio político en Alemaña", afirmou Weidel tras se coñeceren os resultados das enquisas a pé de urna. Porén, os conservadores alemáns volveron reiterar o seu rexeitamento a cooperar coa ultradereita tras gañar as elección.

Weidel destacou o "éxito histórico" que supoñen os resultados destes comicios, que sitúan a AfD como segunda forza política, no que é o mellor resultado da extrema dereita desde a Segunda Guerra Mundial.

Mínimo histórico para o SPD e paso atrás de Sholz

Tamén compareceu Olaf Scholz para recoñecer a "derrota electoral" do seu partido. "Son uns resultados amargos para o Partido Socialdemócrata. É tamén unha derrota electoral", afirmou nun discurso con avisos de despedida. Así, felicitou a Merz pola súa vitoria e asegurou que "vai conformar o próximo goberno". "Hai que ver como se forma este novo goberno, pero quero dar as grazas a todos os cidadáns que deron o seu apoio" ao SPD, engadiu.

Scholz mencionou o histórico resultado da ultradereita, concretamente de AfD, lembrou as credenciais democráticas do SPD e prometeu que traballará persoalmente para impedir unha deterioración democrática. Con todo, xa descartou ser el quen negocie un acordo de coalición e tamén a opción de ser ministro.

Mentres, o candidato dos Verdes, Robert Habeck, mostrou a súa disposición para "asumir responsabilidades" en referencia ás posíbeis coalicións. "Friedrich Merz e a Unión teñen o mandato para gobernar. Felicidades por iso", agregou.

A Esquerda recupera grupo propio e gaña por primeira vez en Berlín

Na Esquerda (Die Linke) celebran que terán unha importante representación no Bundestag e recuperarán o grupo parlamentario tras o trauma da escisión da Alianza Sahra Wagenknecht. Unha das portavoces da Esquerda, Heidi Reichinnek, mostrou a súa disposición a colaborar "con todos os partidos democráticos", aínda que a CDU/CSU descartaron categoricamente calquera acordo coa Esquerda.

"Imos seguir defendendo exactamente a mesma postura que en campaña electoral: límite de renda, construción de vivenda pública, eliminación do IVE en alimentos e reforma fiscal", engadiu.

Olaf Scholz, líder da SPD, non asumirá as negociacións do seu partido para formar goberno. (Foto: Stefanie Loos / dpa)
Olaf Scholz, líder da SPD, non asumirá as negociacións do seu partido para formar goberno. (Foto: Stefanie Loos / dpa)

Tamén, por primeira vez A Esquerda gañou as eleccións lexislativas na capital de Alemaña, Berlín, ao converterse na opción política máis votada co 19,9% dos votos tras o reconto final das papeletas, practicamente duplicando os seus resultados das eleccións de 2021. Tras o partido de extrema esquerda, que nos últimos comicios quedara en cuarta posición, atópase a conservadora Unión Democristiá (CDU) do actual alcalde Kai Wegner, que rexistrou un aumento dun punto porcentual: dun 17,2 a un 18,3%, segundo os resultados preliminares publicados pola Comisión Electoral alemá.

Pola súa parte, o líder do Partido Liberal Demócrata (FDP), Christian Lindner, confirmou tras o desastre electoral que se retira da política. "As eleccións federais supuxeron unha derrota para o FDP, pero é de esperar que supoñan un novo comezo para Alemaña. Por iso loitei. Agora estoume retirando da política activa", anunciou Lindner, quen leva once anos á fronte da formación liberal.

Comentarios