Unha fraude fiscal pon en risco o posto de Scholz como chanceler en Alemaña

Permitiu que un banco non pagara unha débeda de 47 millóns de euros.
O chanceler de Alemaña desde 2021, Olaf Scholz, nunha imaxe de arquivo no marco dunha rolda de prensa na sede do Executivo. (Foto: Britta Pedersen / dpa)
photo_camera O chanceler de Alemaña desde 2021, Olaf Scholz, nunha imaxe de arquivo no marco dunha rolda de prensa na sede do Executivo. (Foto: Britta Pedersen / dpa)

No medio da crise enerxética que está a padecer Alemaña, influída pola situación en Ucraína e por unha seca que dificulta o acceso ao carbón que precisan as súas centrais térmicas, saltou á palestra pública unha investigación de corrupción que salpica o chanceler, Olaf Scholz, do Partido Socialdemócrata (SPD), que lidera unha coalición xunto aos liberais e aos verdes.

O coñecido como escándalo "cum-ex" foi destapado onte pola prensa alemá ao transcender que unha comisión de investigación ao respecto do Parlamento de Hamburgo reclamou a comparecencia de Scholz o 19 de agosto para pedir unha explicación.

O motivo desta convocatoria -a segunda do chanceler diante deste comité- son 218.000 euros atopados nunha caixa de seguridade do Banco Warburg da cidade, e que pertencen ao ex deputado do SPD no Bundestag, Johannes Kahrs.

Segundo o medio público alemán Deutsche Welle, "a historia parece un emocionante thriller de fraude financeira" que leva varios anos sendo investigado. As transaccións "cum ex" foron consideradas ilegais polo Tribunal Federal Supremo en 2021, e consisten en trasladar accións rapidamente a través de moitas mans para evitar o pago de impostos, chegando a obter beneficios pola devolución dunhas taxas que nunca foron aboadas. Polo xeral, as empresas pagan aos seus accionistas dividendos unha vez ao ano, e logo teñen que pagar 25% de taxas por eles. Este sistema, polo que están baixo investigación as entidades bancarias, naceu para evitar ter que asumir este pago.

Mediación co banco

En 2016, cando as autoridades xa estaban tras a pista desta fraude fiscal, Kahrs organizou unha xuntanza con Scholz -daquela alcalde de Hamburgo- a Christian Olearius e Max Warburg, dous dos accionistas máis importantes do Banco Warburg, cos que se chegou a reunir até en tres ocasións.

Pouco despois, o Goberno de Hamburgo permitiu que caducase unha reclamación fiscal para recuperar 47 millóns de euros que debía o banco á localidade por impostos non pagados grazas a estas transaccións. Tamén estivo a punto de caducar outra reclamación de 43 millóns, mais o Ministerio Federal de Finanzas interveu pouco antes de expirar o prazo.

Na cidade hanseática, os medios locais subliñan que a Fiscalía chegou a revisar os correos electrónicos de Scholz durante a súa etapa na Alcaldía e especula cun posíbel pago do banco a Kahrs pola súa mediación para evitar ter que efectuar o pago, polo que está imputado por tráfico de influencias.

Até o de agora, a pesar de que nega ter efectuado transaccións ilegais, o Warburg viuse obrigado a devolver até 155 millóns de euros ás Administracións alemás.

Pola súa parte, Scholz reiterou que non lembra os detalles das súas conversas cos accionistas do banco e que non sabía nada dos cartos que Kahrs gardaba nunha caixa de seguridade da entidade.

Esta quinta feira, un xornalista inquiriu Scholz se os banqueiros podían manter os cartos roubados após coñecelo. "Non serías capaz de fundamentar esa afirmación se tiveses que facelo", respondeu o chanceler visibelmente enfadado, antes de advertirlle que teña "en conta iso cando diga algo así", recolle o Frankfurter Allgemeine Zeitung.

Comentarios