Denuncian que foron asasinadas na Arxentina 32 persoas nos primeiros 35 días de Presidencia de Milei
As forzas de seguridade da Arxentina mataron 32 persoas nos primeiros 35 días do Goberno do presidente Javier Milei, denunciou a Coordinadora Contra a Represión Policial e Institucional (Correpi).
"Xa son 32 as persoas asasinadas polas forzas represivas estatais. Coa aprobación da 'lei ómnibus' que legaliza o gatillo fácil [uso abusivo de armas de fogo polas forzas de seguridade] e profunda toda a política represiva, só se pode esperar que o escenario empeore", dixo a organización nun comunicado.
Neste sentido, detallou que, desas 32 mortes, 12 foron "fusilamentos de gatillo fácil", mentres que 16 morreron en prisións ou comisarías. Ademais, rexistráronse tres "asasinatos intrafamiliares" e un "feminicidio de uniforme". Noutra publicación, desde a Correpi indicaron que, se se aproba a 'lei ómnibus', "será imposíbel tentar unha acción penal contra o funcionario público que mate persoas desarmadas ou por detrás".
"Impunidade total"
"Dicimos non a este intento de dar impunidade total ao gatillo fácil e convocamos lexisladores e toda a cidadanía a resistilo, en defensa da vida e dos nosos dereitos", destacou o movemento.
Recentemente transcendeu que a controvertida lei sería tratada pola Cámara de Deputados a vindeira quinta feira, un día despois do paro nacional arxentino convocado pola Confederación Xeral de Traballadores para o 24 de xaneiro.