A Defensora do Pobo na UE exixe investigar as mortes no Mediterráneo

Informe tras o falecemento de 500 persoas
A Defensora do Pobo da Unión Europea, Emily O'Reilly. (Foto: Defensoría do Pobo na UE)
photo_camera A Defensora do Pobo da Unión Europea, Emily O'Reilly. (Foto: Defensoría do Pobo na UE)

Emily O’Reilly, Defensora do Pobo na Unión Europea (UE), emitiu hoxe o seu informe arredor de Frontex, a Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas, no que instou á creación dunha comisión de investigación independente que analice as mortes no mar Mediterráneo e a responsabilidade dos Estados, a Axencia e a UE. Máis de 29.000 persoas migrantes faleceron ou desapareceron desde 2014 na vía marítima intentando chegar a Europa.

Asemade, tras o exame que comezou logo do naufraxio o verán pasado nas proximidades de Grecia, no que morreron máis de medio millar de persoas, recomendou que Frontex “poña fin, retire ou suspenda as súas actividades” nos Estados que non cumpran coa obriga de buscar e rescatar persoas no mar ou violen os dereitos humanos, advertindo que “existe risco de converter a UE en cómplice de accións que violan dereitos fundamentais e custan vidas”.

Nesa liña, cuestionou o deseño da Axencia, cuxas actuacións dependen das autoridades estatais, o que lle tería impedido “adoptar un papel máis activo no incidente”.

Comentarios