O proceso ao procés

As defensas independentistas piden a anulación do xuízo por vulneración de dereitos fundamentais

Un xuízo de inequívoco contido político, un proceso inédito nos 40 anos de réxime de 1978, comezou esta terza feira no Tribunal Supremo español contra os dirixentes do bloque independentista catalán. Xa nas cuestións previas, as que se ventilarán hoxe, as defensas piden a nulidade do procedimento por considerar que foron violados os dereitos fundamentais das e dos acusados. A expectación extramuros é máxima. Os CDR, mentres tanto, cortaron estradas e vías de acceso a Barcelona. A ANC convoca concentracións para esta tarde.

junqueras
photo_camera O banco das e dos acusados.

As defensas das presas e dos presos indepentistas argumentan que o xuízo non debería ter lugar porque previamente se ten causado indefensión nas persoas acusadas. 

O que argúen as defensas é que durante a instrución da causa se teñen vulnerado dereitos fundamentais como o da defensa ou o o xuízo xusto. Precisamente a falta de garantías no proceso xudicial foi o que alegaron as e os líderes independentistas —o president Carles Puigdemont de Junts per Catalunya, Anna Gabriel da CUP e Marta Rovira de ERC— que optaron por non comparecer perante a Audiencia Nacional e tomaron o camiño do exilio.

As acusadas son os ex membros do Govern Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carles Mundó, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Meritxell Borràs e Santi Vila, os presidentes de l'ANC e Òmnium Cultural durant el referèndum —Jordi Sànchez (agora president do grupo parlamentar de JxCat) e Jordi Cuixart— e a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell.  A excepción de Mundó, Vila e Borrás, as e os acusados cumpren prisión preventiva e afrontan cargos de rebelión, desobediencia e malversación.

O primeiro avogado en tomar a palabra foi Andreu Van den Eynde, o letrado de Oriol Junqueras e Raul Romeva, quen comezou por afirmar que "temos dereito a vivir en democracia, pero o dereito penal do inimigo [unha sorte de suspensión de todas as garantías por parte dun estado contra a disidencia] nega o dereito penal democrático". Para o xurista, a interpretación que se fai desde a instrución da causa da Constitución "criminaliza" as opcións políticas contrarias ao statu quo.

"Pódese falar da independencia dunha entidade sub-estatal? Claro que se pode falar, e así o afirma o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos", dixo Van den Eynde, para quen en ningún momento se pode considerar delituosa a defensa da autodeterminación, sendo que esta "é sinónimo de paz e non de guerra".

Foi conculcado o dereito de protesta e tamén o de participación política das presas —non puideron facer campaña, non puideron participar na constitución do Parlament— argumentou o letrado de Junqueras e Romeva. "A causa non pode impedir que se debata no Parlament sobre a independencia", alegou. 

Comentarios