Cuba fai un donativo de millares de vacinas ao pobo saharaui

Cuba doará doses da vacina Soberana 02. (Foto: Europa Press)
Este donativo chega no contexto do aniversario 46 da creación da República Árabe Saharauí Democrática, como evidencia do apoio permanente de Cuba á causa do pobo saharauí por recuperar os seus territorios e alcanzar a paz

Como expresión das “excelentes relacións de cooperación bilaterais”, Cuba doou un lote de 458.000 doses da vacina Soberana 02 para uso pediátrico á República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Destinado ao combate á pandemia da COVID-19, o envío do fármaco cubano ao país africano “leva consigo o agarimo de todo o pobo cubano, en especial dos seus traballadores e científicos da saúde” que obtiveron tres vacinas, e seguen a traballar con outros dúas candidatas para que alcancen o seu rexistro, pronunciou Déborah Rivas Saavedra,  viceministra de Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro (Mincex).

Nese sentido, Yuri Valdés Balbín, director adxunto do Instituto Finlay de Vacinas (IFV), sinalou que é motivo de gran satisfacción que “a nosa vacina Soberana vai poder chegar á RASD”.

Á súa vez, Valdés Balbín transmitiu que o IFV, do mesmo modo que todas as institucións de Biocubafarma e de todo o sistema de ciencias do país están “ao dispor da nación saharauí e de todas as poboacións do mundo”.

Así mesmo, o embaixador extraordinario e plenipotenciario da  RASD, Mohamed Salec Abdesamad, expresou o seu agradecemento, en nome do seu goberno por este donativo que “demostra, máis unha vez, a solidariedade da Illa que historicamente apoiou a loita do pobo saharauí para culminar a liberación do seu territorio, lograr a soberanía total e a paz”.

“Este pobo irmán, coa súa constante solidariedade, fai unha demostración ao mundo da súa capacidade científica exemplar a pesar do bloqueo extremo dos EUA”, dixo o diplomático.

Até o 22 de febreiro deste ano, 89,1 % (9.873.957 persoas) da poboación cubana tiña aplicado o esquema completo de vacinación. Ao concluír o mes de xaneiro, 1.600.000 crianzas cubanas foran inoculadas, o que sitúa o país caribeño como o primeiro do mundo que concluíu a campaña de vacinación infantil contra a Covid-19.