A Covid dispara a concentración da riqueza no mundo

A revista Forbes confirma “beneficios máximos para os máis ricos” en 2020 e 2021. O proceso de concentración da riqueza fai parte da lóxica do sistema capitalista. Unha tendencia que se viu agudizada desde o comezo da década dos 80 como consecuencia da correlación de forzas entre o capital e o traballo. Os datos ofrecidos por diversas investigacións sinalan que a pandemia exacerbou a situación.
Xuntanza do Foro de Davos en 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xuntanza do Foro de Davos en 2020. (Foto: Europa Press)

As derivas económicas da pandemia non afectan por igual o conxunto das clases sociais. Segundo un traballo publicado pola editora da revista Forbes, Kerry Dolan, “malia a pandemia, 2020 e 2021 foron anos de beneficios máximos para os máis ricos do mundo, cun aumento de cinco billóns de dólares e un número sen precedentes de novos multimillonarios”. Neste sentido, o artigo sinala que o número de persoas cunha fortuna superior a 1.000 millóns de dólares rexistra unha “explosión” neste período, alcanzando “o número sen precedentes de 2.755 en 2021”, 600 máis que no ano anterior.

A fortuna total desas 2.755 persoas con patrimonios superiores a 1.000 millóns estímase en 13,1 billóns de euros, cando a cifra se situaba en oito billóns na lista Forbes de 2020. Á cabeza desa relación atópanse Jeff Bezos, fundador de Amazon, con 177. 000 millóns de dólares; Elon Musk, creador de Tesla e SpaceX, con 151.000 millóns; Bernard Arnault, empresario do sector do luxo, con 150 000 millóns; Bill Gates, cofundador de Microsoft, con 124.000 millóns, e Mark Zuckerberg, director executivo de Facebook, con 97.000 millóns.

A pandemia está, tamén, a aumentar a fenda entre as nacións do centro e da periferia do capitalismo. Así, os datos fornecidos pola publicación Monitor do Covid-19 e o mundo do traballo, da Organización Mundial do Traballo (OIT), apuntan que “as e os traballadores dos países de ingresos baixos e medianos son os que máis se viron afectados, xa que experimentaron unha diminución estimada nas horas de traballo do 23,3% (240 millóns de postos de traballo a tempo completo)”. 

A fenda entre o centro e a periferia

Os resultados deste estudo da OIT estabelecen unha correlación positiva entre os estímulos fiscais e a capacidade de soster a actividade laboral, polo que as nacións ricas teñen máis capacidade de tomar medidas para preservar o emprego e a produción. Neste sentido, o relatorio conclúe afirmando que “os datos son moi claros: os países de ingresos altos investiron máis que suficiente para cubrir a cantidade de empregos perdidos, e os países de ingreso medio e baixo non lograron achegar nin sequera á metade do que necesitaban”.

Ao tempo, pon de manifesto que “a fenda de estímulo fiscal se sitúa actualmente en 982.000 millóns de dólares nos países de ingresos baixos e medio baixos, onde o espazo fiscal é máis limitado”.

A pandemia está a agudizar na esfera da distribución da renda as tendencias presentes na economía coa anterioridade ao coronavirus. Neste sentido, son moitas as investigacións que veñen alertando desta situación nos últimos anos, sinalando o informe de Oxfam que “en 2019, 2.153 multimillonarios posuían máis riqueza que 4.600 millóns de persoas”. Na mesma liña, o economista serbio estadounidense Branko Milanovic ou o seu colega francés Tomas Piketty teñen evidenciado nos seus traballos a constante suba da desigualdade nas últimas décadas.

Milanovic certifica que as diferenzas sociais teñen aumentado en practicamente todos os Estados do mundo. Así, salientou que a desigualdade de ingresos medrou de modo considerábel desde 1980, até o punto de que o 1% da poboación con maiores ingresos recibiu unha proporción dúas veces maior de renda que o 50% con menos ingresos. Ao tempo, destacou que o crecemento foi baixo ou inclusive nulo para aquela fracción da poboación situada entre 50% máis baixo e 1% máis rico e onde se atoparon as grandes maiorías sociais dos Estados da Unión Europea, Canadá ou os Estados Unidos.

Comentarios