A Corte Internacional de Xustiza rexeita as medidas provisorias contra o Ecuador que reclamou México

En abril, axentes policiais ecuatorianos asaltaron a embaixada mexicana
Corte Internacional de Xustiza, a quinta feira. (Foto: CIX)
photo_camera Corte Internacional de Xustiza, a quinta feira. (Foto: CIX)

A Corte Internacional de Xustiza (CIX), o órgano xudicial principal da Organización das Nacións Unidas (ONU), trasladou a quinta feira que non considera preciso adoptar medidas provisorias tras a demanda de México contra o Ecuador por violar a súa sede diplomática a comezos de abril para arrestar o ex vicepresidente Jorge Glas.

Glas recibira asilo no país norteamericano tras a persecución xudicial no Ecuador, entre indicios de que se trata dun caso de lawfare, o uso do sistema xudicial para atacar opoñentes políticos.

México denunciara que se tratou dunha violación ao Pacto de Bogotá, á Convención de Viena, que regula as relacións diplomáticas, á Carta da Organización dos Estados Americanos e á ONU, e solicitara que o Ecuador fora suspendido como membro da ONU até pedir desculpas formais, incidindo na necesidade de estabelecer un precedente para que un Estado poida ser expulsado por violacións deste tipo.

Tamén demandara unha orde de protección á súa embaixada no país e ás residencias privadas de diplomáticas e diplomáticos.

Con todo, a CIX resolveu que as garantías ofrecidas polo Goberno conservador ecuatoriano de que proporcionará “plena protección e seguridade ás instalacións” son suficientes, advertindo que “as declaracións unilaterais poden dar lugar a obrigas legais”.

En todo caso, afirmou que “non hai requisito máis fundamental para a condución das relacións entre os Estados que a inviolabilidade das misións diplomáticas e embaixadas”.

Pendente de xuízo

Nestes litixios, as medidas provisorias prodúcense antes de que o tribunal valore o fondo do caso, polo que a resolución de onte non implica que a causa vaia ser admitida, o que se abordará máis adiante.

Comentarios