Controversia no cómputo dos votos dunhas igualadas eleccións turcas
Turquía afronta unhas decisivas eleccións presidenciais que tiveron lugar hoxe domingo. Os colexios electorais fecharon as súas portas ás 17 hora galega, e desde entón prodúcese con moita lentitude un reconto de votos caracterizado pola controversia.
No momento de escribir estas liñas, e segundo a axencia oficialista Anadolu, con 85,8% escrutado o actual presidente Recep Tayyip Erdoğan obtería 50,1% dos votos, mentres que o lider opositor Kemal Kılıçdaroğlu recibiría 44,1%.
Iso significa que Kılıçdaroğlu precisaría de dúas decimas maís para forzar unha segunda volta na que tanto Erdoğan como el serían os únicos candidatos.
Porén, a axencia independente Anka, próxima aos intereses da oposición, reduce as diferencias entre un e outro a pouco máis de tres puntos (48,8% Erdoğan e 45,4% Kılıçdaroğlu).
Esta diferenza de criterios sustenta as acusacións mutuas de “manipulación”. Así, desde o partido de Kılıçdaroğlu, o Partido Republicano do Pobo (CHP, nas súas siglas en turco) acusan á axencia oficialista de “manipulación” para favorecer o Partido Xustiza e Desenvolvemento (AKP) de Erdoğan.
Ademais, temen que o presidente estea ocultando os datos até o momento do seu discurso á poboación, no que se autoproclamaría como gañador.
Pola súa parte, desde o AKP están impugnando moitos votos da oposición, o que significa que terán que ser comprobados e recontados a posteriori, dilatando o procedemento e favorecendo esa hipotética pretensión dun Erdoğan que, tal e como apuntou na súa conta de Twitter, pediu aos seus seguidores que “non abandonen” as urnas de votos en ningún momento “pase o que pase” até o final oficial das eleccións.