Os orzamentos do Estado van a exame

O Congreso vota mañá as emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, que piden a devolución das contas ao Executivo. Porén, a previsión é que saian aprobadas e pasen á segunda fase, a das emendas parciais, onde o Goberno estatal necesitará seguir negociando coas formacións nacionalistas para sacar definitivamente adiante os orzamentos de 2021.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, hoxe no debate dos orzamentos. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, hoxe no debate dos orzamentos. (Foto: Europa Press)

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu hoxe na Cámara Baixa a proposta de orzamentos do Goberno ante as sete emendas presentadas á totalidade das contas polo PP, Vox, Junts, CUP, BNG, Coalición Canaria e Foro Asturias. 

Montero pediu aos grupos do Congreso que permitan facilitar a tramitación do proxecto das contas porque darán "seguridade, confianza e esperanza", canalizarán os fondos europeos, promoverán a recuperación e serán un "reforzo" para o estado do benestar.

Na súa intervención, indicou que a segunda onda da pandemia debe ser "detida" de forma "eficaz e contundente" e que a medida que se controle a pandemia, a economía mellorará.

Despois do repunte do PIB de 16,7% no terceiro trimestre, indicou que a segunda onda freará o crecemento no cuarto trimestre, aínda que subliñou a capacidade de restaurar o emprego, xa que se recuperaron 500.000 empregos de entre os afectados polos ERTE, que alcanzou os 950.000.

Cunha previsión de suba do PIB de 11,2% este ano e de 7,2% en 2021 (9,8% con fondos europeos), admitiu que a recuperación será "máis lenta" nos sectores e territorios máis afectados pola aplicación das restricións.

En canto á oposición, as intervencións da dereita española tiveron ton elevado, logo de que o coordinador xeral de Bildu, Arnaldo Otegi, adiantase onte o voto favorábel aos orzamentos na súa primeira fase. O vicepresidente español e líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, celebrou a noticia, mentres que o presidente do PP, Pablo Casado, acusou as contas de levar o "selo de Bildu, ERC e Podemos" e de elaborarse "á medida do populismo".

A líder de Cs, Inés Arrimadas, quere seguir negociando co Goberno pero adiantou que este terá que escoller se quere aprobar as contas con Cs ou cos nacionalistas. 

Comentarios