O Constitucional tomba o confinamento xeral no primeiro estado de alarma

Tras adiar a decisión en xuño e volvelo facer un día antes, o Constitucional aproba nunha votación moi axustada a impugnación do confinamento no primeiro estado de alarma, ao votar a favor a maioría dos maxistrados propostos polo PP, anulando as multas por saltarse o confinamento. 

Unha rúa de Compostela case baleira no primeiro confinamento. (Foto: Arxina)
photo_camera Unha rúa de Compostela case baleira no primeiro confinamento. (Foto: Arxina)

Por seis votos contra cinco, o Pleno do Tribunal Constitucional desta cuarta feira decretou que o confinamento xeral acordado no Estado español do 14 de marzo ao 4 de maio de 2020, durante o primeiro estado de alarma, foi inconstitucional.

Na proposta aprobada, a cargo do maxistrado Pedro González-Trevijano, o Constitucional conclúe que o confinamento non foi unha limitación do dereito fundamental á libre circulación, senón unha suspensión dese dereito, polo que o instrumento utilizado tiña que ser o do estado de excepción, non o estado de alarma.

Ademais da declaración de inconstitucionalidade dos artigos referentes á mobilidade no decreto lei que sostivo o primeiro estado de alarma, o tribunal tamén impugnou que se habilitara ao Ministerio de Sanidade para modificar as medidas aplicadas pola pandemia da Covid-19 no eido da hostalaría, dos equipamentos culturais e da actividade comercial en xeral.

Exceptuando estas cuestións, as maxistradas e maxistrados acordaron desestimar o recurso de inconstitucionalidade presentado por Vox contra o decreto lei.

Anulación de multas

O fallo implica que serán revisábeis as multas ás persoas que saltaron o confinamento, neste caso non só os procedementos de sanción, senón tamén as que xa estean impostas en firme.

A maxistratura xustifícase neste aspecto pola prohibición constitucional de castigar feitos que non foran ilícitos á hora  de ser cometidos, o que fai imposíbel manter as multas.

Para limitar os efectos desta declaración de inconstitucionalidade, o tribunal apunta que non se poderán revisar os procesos xudiciais vencellados co confinamento nos que exista unha sentenza firme. Tampouco os procesos administrativos vinculados que conten cunha resolución definitiva.

Ademais, exclúe que esta decisión poida avalar a reclamación de responsabilidade contra o Estado por esta lexislación.

"Era imprescindíbel para salvar vidas", sostén o Goberno español

Cando se fixo pública a resolución do Tribunal Constitucional sobre o estado de alarma e o confinamento, fontes do Executivo de Pedro Sánchez transmitiron aos medios españois que “sen esa ferramenta non se tería chegado a tempo para parar o virus e non tería sido posíbel manter as medidas necesarias para deter o seu avance máis alá de 60 días”.

Esta normativa xurídica “era absolutamente imprescindíbel para salvar vidas”, sinalaron as mesmas fontes, que cuestionaron o carácter político do fallo, criticando o recurso de Vox cando apoiou co seu voto o primeiro estado de alarma. Tamén aseguraron que as restricións estaban en liña coas medidas que se puxeron en marcha nos Estados da contorna. "É unha decisión sen precedentes", salientaron onte.

Comentarios