Opinión

Confinamento sen submisión

Vivir preto do mar fai que poidamos experimentar o que supón estar no mesmo lugar cada día e que cada día sexa diferente. A nosa parroquia ten o nome do mes que abre o verán. O non ter porto de mar tamén moitos dos seus habitantes abríronse camiño polo mundo adiante, en barcos alén dos mares uns, e outros en terras de Estados Unidos maiormente, mentres outra parte da familia ficaba coidando de terras e montes ou traballos de subsistencia nos arredores das casas. O global e o local.

Dende hai 44 anos existe unha Asociación de veciños, Sartaxas, que se foi adaptando ás necesidades dos tempos, reclamando, promovendo e mediando en servizos e actividades. Mais antiga, a Banda de Musica formou a moitos rapaces e continua a levar as notas musicais polo país adiante. Asentados no Barbanza, a Comunidade de Montes traballou sen descanso con presenza nas organizacións que tentan dar valor ao monte en man común. A ANPA atende á educación e saúde dos máis novos; do sementado por esta asociación, xurdiu o actual grupo de pandeireteiras, levado por nais e pais que cando eran alumnado aprenderan as artes da música popular. Unha das nosas veciñas leva un grupiño de encaixe de palillos e outras manteñen a tradición das alfombras florais e festas relixiosas e catequese. O deporte está presente coa Sociedade Deportiva nos equipos de fútbol e con novas iniciativas nas Escolas de Surf. Dos pouco máis de 1.000 habitantes que somos, hainos que colaboran en actividades conxuntas de coidado de froiteiras autóctonas e revalorización de montes e augas. Un canto coral de xente de diversas idades que tamén canta cando se xunta para algunha festa. Todo este conxunto asociativo non se ve a simple vista e entre o veciñanza escoitase a miúdo: “aquí non se fai nada”.

Pero xustamente esta vida social teimuda e discreta, enchida de pequenas actividades, é unha realidade que permite levar a cabo iniciativas que retroalimentan a cada un dos grupos e motiva á participación da veciñanza. De feito, cada ano, dende hai sete, pola volta do Nadal, celébrase a Gala Solidaria. A idea xurdiu pola preocupación da alta incidencia do cancro nesta zona e a inquedanza de facer algo para axudar a combater esta problemática. A Gala naceu co fin de sensibilizar e recadar cartos . A idea partiu da Comunidade de Montes e o resto de asociacións sumáronse para colaborar. Foi todo un éxito que se vén repetindo ano tras ano con outras temáticas e asociacións: Saúde Mental (A Creba), Alzhéimer (Agadea), Prematuros (Agaprem) e en 2020... chegou a disxuntiva. No outono xa se pecharan varias actividades por mor da pandemia e había que decidir que facer coa Gala.

Parece que nos estabamos acostumando ao de adiar e esperar. Para algúns estaba claro que non había que arriscar; coma cando enfermamos e o corpo non quere malgastar forzas e invita a recluírmos. Para outras persoas, deixar pasar este evento que supón un pulo na cohesión veciñal e no reforzo do asociacionismo era sucumbir ante as dificultades. Fíxose unha proposta dende o convencemento de que non debemos renunciar á capacidade de crear novas formas de colaboración social e de expresión artística. Xuntámonos en pequenos grupos para botar man da imaxinación e conseguimos presentar un proxecto de xeito diferente aos anteriores pero co mesmo fin.

Desta volta escolleuse unha organización humanitaria, Médicos Sen Fronteiras. Pareceu axeitada para estes tempos. Dado que non se podía xuntar a xente, deseñamos unha Gala espallada ao longo do mes de decembro, implicando a tódolos negocios da parroquia e utilizando as redes sociais. Nos comercios e bares, os petos de recadación. Compras un número, participas nun sorteo e colaboras co comercio local. A través das redes sociais difundir a labor de MSF e as colaboracións de artistas da veciñanza. Un pasacalles como mostra da importancia de saír para saudarse, intercambiar novas e emocións. O global e o local. No programa “Vivir Aquí” (6d de xaneiro de 2021) da TVG quedou constancia dese tecido asociativo que ten voz, opinión propia e capacidade de resolver circunstancias adversas. Conseguimos non pecharmos submisamente e reforzarmos individual e colectivamente.

Comentarios