O TC declara "inconstitucional" o primeiro confinamento pola Covid-19

O pleno do Tribunal Constitucional estivo dividido sobre a resolución até o último momento. De feito, esta saíu adiante por seis votos a favor fronte a cinco na contra.
Unha rúa de Mérida case deserta durante o confinamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha rúa de Mérida case deserta durante o confinamento. (Foto: Europa Press)

O pleno do Tribunal Constitucional vén de determinar que varios aspectos do decreto polo que o Goberno español declarou o primeiro estado de alarma como método de protección contra a pandemia son “inconstitucionais”. En concreto, cuestionaría restricións como a limitación á mobilidade e o confinamento nos fogares.

Así o confirmaron nesta cuarta feira fontes xurídicas, que explicaron que a resolución saíu adiante por unha maioría moi axustada de seis votos a favor contra cinco en contra.

Declarou inconstitucionais e nulos os puntos relativos á liberdade de circulación de persoas e coches en espazos e vías públicas; así como o que permitía ao Ministerio do Interior acordar o peche á circulación de estradas ou tramos por razóns de saúde pública.

O debate sobre o relatorio do maxistrado Pedro González-Trevijano comezou na terza feira pero non se chegou á votación, polo que foi preciso retomar as deliberacións na cuarta feira para fornecer unha resolución. As mesmas fontes consultadas por Europa Press explicaron que a decisión tivo dividido ao pleno, que xa no mes de xuño optara por aprazar esta cuestión desde o punto de vista xurídico.

A deliberación é especialmente importante, tendo en conta que o Estado español está no medio do impacto dunha nova onda de covid debido e varios Gobernos están a considerar a imposición de duras restricións como o encerro nocturno (vixente esta semana no País Valenciano).

En concreto, o tribunal de garantías declarou inconstitucionais e nulos os puntos 1 e 3 do artigo 7 do decreto-lei, relativos á liberdade de circulación de persoas e coches en espazos e vías públicas; así como o punto 5 do mesmo artigo, que permitía ao Ministerio do Interior acordar o peche á circulación de estradas ou tramos por razóns de saúde pública.

Tamén declarou inconstitucional que se habilitase ao Ministerio de Sanidade para "modificar" ou "ampliar" as medidas de contención no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais e actividades recreativas, así como as actividades de hostalería e restauración.

Comentarios