A confianza na UE nunha vitoria de Ucraína atópase en mínimos

A presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen. (Foto: Kay Nietfeld / DPA vía Europa Press)
Novo paquete de sancións contra Rusia.

Un traballo demoscópico efectuado en 12 Estados da Unión Europea (UE) polo Consello Europeo de Relacións Exteriores, que foi divulgado hoxe, sinala que apenas 10% das persoas que participaron na enquisa consideraba que Ucraína se imporía a Rusia no campo de batalla, entrementres, 20% defendía que o resultado máis probábel do conflito no país eslavo é unha vitoria rusa. Así e todo, a opinión de 37% apunta que a guerra rematará por medio dun acordo.

En paralelo, 41% asegura que o bloque comunitario debería premer Kíiv para que negociase a fin da guerra, dez puntos máis que as persoas que defenden que tería que continuar armándoo para reverter as ganancias territoriais de Rusia. A pesar disto, non hai indicios dun cambio na posición de Bruxelas, vinculada  ao tempo coa posición adoptada polos Estados Unidos.

Sexa como for, os membros da UE acordaron hoxe a aprobación formal o sábado, no segundo aniversario da invasión rusa, do 13º paquete de sancións unilaterais a Moscova, dirixido a empresas de distintos países ás que acusan de axudar Rusia a eludir as sancións anteriores.