Catalunya

Laura Borràs, condenada a catro anos e medio de prisión

A líder de Junts foi xulgada polos delitos de prevaricación e falsidade documental e afirma que a sentenza é "tan execrábel como predicíbel".
Laura Borràs, durante o xuízo. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)
photo_camera Laura Borràs, durante o xuízo. (Foto: D. Zorrakino. POOL / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya vén de condenar a presidenta de Junts e ex presidenta do Parlament catalán, Laura Borràs, a catro anos e medio de cárcere e 13 de inhabilitación —alén dunha multa de 36.080 euros— pola comisión dos delitos de prevaricación e falsidade documental. Porén, a sentenza propón un indulto parcial para a condenada que rebaixe a pena de prisión a non máis de dous anos, de forma que non tería que chegar a ingresar no penal.

Unha maxistrada do tribunal engadiu un voto particular no que considera que Borràs non cometeu falsidade documental senón que só a induciu, polo que considera que non debería ser condenada a máis de 21 meses de prisión, e sostén que a inhabilitación que se lle aplique debe afectar só a cargos con facultade de contratación.

O beneficiario dos contratos cando Borràs dirixía a Institució de les Lletres Catalanes, Isaías H., que no xuízo confesou, quedou absolto de prevaricación e condenado por falsidade documental a dous anos de cárcere, multa de 2.100 euros e inhabilitación para contratar coas administracións públicas durante un ano e sete meses.

Da mesma forma, Andreu P., que o axudou a preparar orzamentos e tamén confesou, está absolto de prevaricación e condenado por falsidade documental a un ano e dous meses de prisión, multa de 2.250 euros e inhabilitación para contratar coas administracións públicas durante un ano.

Borràs: "É unha aberración xudicial e democrática"

Tras coñecer o veredicto, Laura Borràs afirmou que se trata dunha "aberración xudicial" debido ao decurso do procedemento. "Non tiven un xuízo xusto, polo que non podía esperar unha sentenza xusta. Tiven que demostrar, e puiden demostrar, a miña inocencia ante o tribunal, pero para o Estado nin tan sequera iso foi suficiente para impedir esta aberración xudicial, que é tamén unha aberración democrática", defendeu, nunha declaración institucional, sen preguntas, que ofreceu esta quinta feira ás portas do Parlament.

Laura Borràs ofreceu unha declaración institucional diante do Parlament. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)
Laura Borràs ofreceu unha declaración institucional diante do Parlament. (Foto: Lorena Sopena / Europa Press)

Un centenar de persoas concentráronse diante da Cámara para mostrarlle o seu apoio berrando consignas como 'Laura Borràs, a nosa presidenta', 'Independencia' ou 'Puigdemont, o noso presidente', acompañados do grupo parlamentario de Junts ao completo e do ex president Quim Torra.

Borràs insistiu en que é inocente e mantivo que a sentenza do TSJC é tan "execrábel como predicíbel" posto que, segundo ela, está enmarcada nunha causa política contra o independentismo. "Precisamente porque son quen son e son como eu, non me resigno, non me dobrego e non me paro na miña loita por defender a miña honradez", dixo a líder de Junts entre aplausos dos alí concentrados.

Porén, desde o propio Govern catalán responderon con rotundidade que, contra a corrupción, "non caben escusas". Díxoo a conselleira de Presidencia, Laura Vilagrà, quen erixiu ERC, a formación na que milita, como "un partido sempre comprometido contra a corrupción". As "malas praxes", insistiu, non teñen cabida na Administración catalá, que debe ser "transparente e aberta".

Comentarios