Un edil de Vox atribúe a "políticos, educadores ou homosexuais" máis casos de pederastia que a Igrexa

Precisamente hoxe os bispos aprobaron por unanimidade un proceso de traballo para desenvolver un Plan de reparación integral de vítimas de abusos sexuais, que contempla indemnizacións económicas ás vítimas de abusos aínda que non haxa sentenza xudicial.
Pleno do Concello de Barcelona, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pleno do Concello de Barcelona, hoxe. (Foto: Europa Press)

O alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, retirou hoxe a palabra ao concelleiro de Vox Liberto Senderos por afirmar que colectivos como o dos políticos, os educadores ou os homosexuais teñen porcentaxes de casos de pederastia "iguais, se non maiores" que os da Igrexa católica.

"Os datos de pederastia na Igrexa están manipulados e os protocolos que aplica son os máis duros cos abusadores. Mentres, colectivos como o dos políticos, educadores ou homosexuais, con porcentaxes reais polo menos iguais, se non maiores, non son portada de medios de comunicación", afirmou Senderos.

Díxoo ao intervir durante a declaración institucional presentada por ERC -que Vox non apoiou- para -loitar e condenar con todos os mecanismos de abuso sexual infantil e a activar todas as ferramentas posíbeis para garantir unha vida digna e todos os dereitos dos nenos-. Senderos tivo un minuto para expresar o seu posicionamento contrario e, ao facer estas declaracións, Collboni pediulle que rectificase as súas palabras por "cualificar todos os homosexuais de algo".

"Non, non, señor alcalde, non fixen iso en ningún momento. Eu falei de colectivo. O que dixen está gravado. O que está dito está dito. Eu non dixen nada que non tivese que dicir", replicou o edil da extrema dereita. Ante estas palabras, Collboni retiroulle a palabra e, despois, levantou a sesión.

Indemnizacións ás vítimas sen necesidade de sentenza

Precisamente hoxe os bispos aprobaron por unanimidade un proceso de traballo para desenvolver un Plan de reparación integral de vítimas de abusos sexuais, que contempla indemnizacións económicas ás vítimas de abusos tanto se media sentenza xudicial como se non a hai por determinadas circunstancias como que o victimario falecese.

Así o avanzou o secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal Española (CEE), Francisco César García Magán, nunha rolda de prensa, no marco da Asemblea Plenaria da CEE. "Nos casos en que non haxa sentenza xudicial se hai unha convicción moral porque xudicialmente non pode haber sentenza -por falecemento ou prescrición-. Neses casos, se se chega a unha convicción moral de que houbo un abuso sexual, haberá que estudar caso por caso e se se ve que se chega a esa convicción moral, si, haberá tamén esa reparación integral", explicou o portavoz dos bispos.

En todo caso, precisou que aínda non teñen "calculado" o "fondo" para as indemnizacións ás vítimas porque iso haberá que articulalo dentro do plan de reparación a cuxo desenvolvemento deron luz verde esta mesma sexta feira.

Comentarios